Os 90 millóns de euros anuais que se lle paga de menos ás granxas galegas

Os 90 millóns de euros anuais que se lle paga de menos ás granxas galegas

A fenda entre o prezo medio que se paga o leite en Galiza e en Europa é determinante. En 2017 tiveron que fechar 463 granxas.


O diferencial de ingresos do sector lácteo galego en comparación coa media da Unión Europea é de case 89 millóns de euros en 2017. Unha cifra nada desdeñábel e que nos deixa ben clara a diferenza de prezo ao que se paga o leite ás granxas galegas e no resto do continente. O noso país ten 55% das granxas leiteiras do estado e produce 37% do leite, etando entre os dez principais territorios produtores de Europa.

Son cálculos do Sindicato labrego Galego (SLG), que lembra que das 13.000 granxas en activo que traballaban na Galiza en marzo de 2011 até hoxe pecharon 4.600 explotacións leiteiras, é dicir, un terzo das que había daquela.

Os dados publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) sobre o que foi o 2017 son clarificadores: Iniciamos o ano con 8.477 granxas e rematámolo con 8.014, o que supón 463 explotacións menos.

En canto aos prezos, en Galiza comezou 2017 con 30 céntimos o litro de leite e rematouno con 32 céntimos de euro. “Trátase dunha suba insignificante se a vemos no contexto da Unión Europea e do resto do Estado, onde o prezo do leite, debido á escaseza de manteiga, disparouse, especialmente no último cuadrimestre. E a mellor mostra disto é que o prezo medio da Unión Europea pasou dos 33'5 céntimos de xaneiro a 37'8 en decembro”, indican desde o SLG.

 “O diferencial que obtivemos alcanzou os 88.656.110 euros. É dicir, as nosas granxas deixaron de ingresar en 2017 case 90 millóns de euros por non cobrar un prezo acorde á media europea”.