Dos 9.000 millóns de euros públicos para 'sanear' Novacaixagalicia só 783 millóns recuperados

Dos 9.000 millóns de euros públicos para 'sanear' Novacaixagalicia só 783 millóns recuperados
Novagalicia Banco
Novagalicia Banco  

O banco resultante vendeuse por mil millóns ao venezuelano Banesco. Abanca acumula beneficios por 2.800 millóns.


O Banco de España eleva a 65.792 millóns de euros o custo das axudas ao sector financeira durante a crise, a inxección de cartos destinada a rescatar bancos e caixas. Desa cantidade, perto de 46.000 millóns son cartos públicos achegados polo FROB mentres os 23.000 millóns restantes procederon dos propios bancos a través do Fondo de Garantía de Depóitos. O groso do rescate recaeu, logo, sobre as costas do Estado.

Desa cantidade, por volta de 10,300 millóns de euros foron para Novacaixagalicia, nada das caixas galegas. 9.052 millóns procederon de inxeccións de diñeiro público, segundo lembra o Banco de España. Canto se recuperou? Segundo este mesmo organismo, 783 millóns. E as previsións que baralla son que como moito o total recuperábel apenas pase dos mil millóns.

Aquela entidade nada das caixas galegas vendeuse en decembro de 2013 por mil millóns de euros ao venezuelano Banesco. Desde entón e até hoxe, Abanca obtivo beneficios duns 2.800 millóns de euros.

O cuarto rescate que máis custou

Xa en 2017, o Tribunal de Contas situaba o das caixas galegas, entre os 4 rescates bancarios que máis custaron ás arcas públicas. A entidade que máis recursos precisou foi Cataluña Caixa, á que o Estado tivo que darlle máis de 12.670 millóns de euros. Bankia á que houbo que aportalle máis de 12.340 millóns de euros, e o Banco CAM que necesitou 11.000 millóns completan as catro principais.