A fiscalía pide entre un e cinco millóns de euros aos ex-directivos das caixas


A fiscalía pide entre un e cinco millóns de euros aos ex-directivos das caixas
A Fiscalía Anticorrución demanda aos ex-directivos das caixas que devolvan os fondos percibidos en concepto de indemnizacións por entender que estas foron outorgadas indebidamente. Gayoso, Pego, Gorriarán e Paredes poderían devolver boa parte do diñeiro recibido, mesmo, en concepto de salario devengado até 2025, caso de Javier García de Paredes.


O xuízo polas indemnizacións que os ex-directivos de NCG percibiron após a fusión das dúas caixas, continuará esta sexta feira coa declaración de José María Castellano. A Fiscalía Anticorrución demándalles a devolución dunha parte do diñeiro obtido en concepto de 'indemnizacións' pois di, foron percibidas indebidamente.

Neste sentido, o ex-director xeral da caixa, José Luís Pego deberá pagar --se se cumpren as pretensións da Fiscalía-- 1,44 millóns de euros en que se incluirían máis de nove centos mil euros obtidos como "indemnización por premio especial" entregadas sen a aprobación do Banco Central español, segundo informaron fontes xudiciais a unha axencia de noticias.

Porén, non só Pego deberá facer fronte ás peticións de devolución. Julio Fernández Gayoso, ex-presidente de CaixaNova e co-presidente de NCG naquela altura, tamén está demandado pola Fiscalía por cooperación con Pego e Gregorio Gorriarán para percibiren xugosas indemnizacións á súa saída da entidade. Este último, encargado do grupo inmobiliario após a fusión afronta unha querela de case 914 mil euros.

No entanto, ao que se lle reclama unha maior cantidade de diñeiro é ao ex-director adxunto de NCG, Javier Garcia de Paredes, a quen a Fiscalía Ainticorrución demanda unha devolución de máis de cinco millóns de euros. Estes deberían ser pagados en concepto de salarios devengados entre o 1 de xullo de 2012 até o 29 de xaneiro de 2025 --momento a partir do cal se podería xubilar. A demanda da fiscalía exixiría pois a devolución das cantidades que Paredes recibiu anticipadamente pola capitalización, porén, de maneira fraudulenta.