A Xunta insinúa que xa fixo todo o posíbel sobre os floteis e delega a responsabilidade nos esteleiros

A Xunta insinúa que xa fixo todo o posíbel sobre os floteis e delega a responsabilidade nos esteleiros
A Xunta xa fixo todo o que tiña que facer e xa non pode facer máis. A pelota está no tellado dos estaleiros e deles dependerá que ao final haxa ou non floteis. Eis o novo argumento do goberno galego, expresado na Comisión de Industria, no culebrón Pemex

Os meses pasan e as promesas de Feijóo levan camiño de caducar. Daqueles 14 remolcadores que o presidente da Xunta anunciaba o pasado verán que Pemex ía facer en estaleiros galegos nunca nada máis se soubo. E os dous floteis que sacara da manga en precampaña, a día de hoxe non se están a construír en Navantia e Barreras.

O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, afirmou no Parlamento que a Xunta “non pode suplantar” os xestores dos estaleiros e que “non é responsábel” de que se formen as garantías precisas para fabricar o flotel, unha referencia aos problemas do estaleiro vigués e Barreras para pechar os avais necesarios para ese encargo.

Tahoces reiterou que o grao de compromiso do goberno autonómico co naval é “máximo” mais que non se lle pode pedir que “suplante o marco xerencial das empresas”.

AGE, que formulou unha pregunta sobre o naval, lamentou as respostas da administración, á que responsabilizou de empregar Pemex como “cortina de fume” para tapar a falla de compromiso cun sector que en Galiza perdeu milleiros de empregos nestes meses.