Abanca renuncia finalmente a lanzar unha OPA por Liberbank

Abanca renuncia finalmente a lanzar unha OPA por Liberbank

Comunicoullo esta terza feira á Comisión Nacional do mercado de valores (CNMV). As accións de Liberbank caen en 10%.


Abanca dá un paso atrás e non lanzará unha OPA por Liberbank. Así llo notificou esta terza feira a entidade presidida por Escotet á Comisión nacional do mercado de valores (CNMV), que esta segunda feira dera un ultimato a Abanca para que nun prazo de 10 días decidise se ía realizar esa OPA.

“Abanca e o seu accionista de control decidiron renunciar ao seu interese en promover a posíbel operación corporativa entre Abanca e Liberbank e, en consecuencia,, non formular unha OPA sobre Liberbank”, sinálase no feito relevante remitido ao CNMV momentos antes da apertura do mercado. Esta operación estaba condicionada por Abanca a poder realizar unha auditoría (due dillingence), o que non lle permitiu a CNMV.

A noticia da OPA de Abanca foi desbotada xa desde o primeiro momento por parte do consello de Liberbank, partidario de manter o rumbo trazado desde hai meses de se fusionar con Unicaja.

Porén, entre certos accionistas de Liberbank parecía non desagradar. Os principais accionistas de Liberbank son: as tres fundacións das ex caixas (Asturias, Estremadura e Cantabria) suman 24% do capital. O investidor mexicano Luis Tinajero controla 7,4% e a asturiana famila Masaveu (negocios en adegas, eléctricas portuguesas, inmobles en EUA…) ten 5,5%. Oceanwood, con máis de 17% do capital. É un fondo de capital risco con sede nas Illas Caimán e que en 2017 entrou no Consello de Liberbank, do que era xa accionista. Estaría interesado en vender e por iso era o que vía con mellores ollos a oferta de Abanca.