Aceite galego con denominación de orixe?

Aceite galego con denominación de orixe?

A nosa terra pode volver ser punteira na produción aceiteira co recoñecemento dunha denominación de orixe de aceite galego. Na Misión Biolóxica teñen toda a documentación case a punto para que a Xunta poida iniciar o proceso de solicitude deste selo que significaría un antes e un despois para o agro e a industria galegas. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza.


m1_temaPrimeiraAs galegas e galegos de anos pasados cultivaban oliveiras e producían aceite e, moi pronto Galiza pode volver despuntar como potencia produtora deste cotizado ouro líquido, logrando da Comisión Europea o recoñecemento da denominación de orixe de aceite galego. Na Misión Biolóxica de Galiza levan anos investigando esta materia e teñen toda a documentación case a punto para conseguir o desexado selo.

Avanzan desde este centro de investigación que o país conta con todos os requisitos que marca a Unión Europea para o recoñecemento das denominacións de orixe, xa que contamos cun territorio, solo, condicións climáticas e variedades autóctonas diferenciadas, dando lugar á elaboración de aceites orixinais e distintos a todos os que hai noutros lugares do mundo. Alén da disxuntiva entre historia ou mito arredor da destrución das oliveiras galegas ordenada polos Reis Católicos, a investigación da Misión Biolóxica demostra que o noso país contaba con oliveiras, que as e os nosos antecesores traballaban a oliva para produciren o ouro líquido e, o máis importante de todo, que Galiza contaba e conta con variedades autóctonas de oliveira.

Sobárdanse pois as especulacións con datos científicos que se suman á existencia dunha documentación de feitos que afondan nesta teoría, como é o gravame de cada oliveira galega cun imposto especial que ordenou o conde-duque de Olivares no século XVII co obxectivo de favorecer os seus intereses oliveiros precisamente na localidade de Olivares, Sevilla, tal e como recolle Xoán Costa no seu artigo Memoria do aceite publicado no dixital Sermos Galiza. Unha decisión, a do conde-duque, conducida a limitar a produción de aceite galego nun intento de planificación económica que supuxo efectivamente o abandono deste cultivo na nosa terra.

O pasado aceiteiro da Galiza despréndese agora das investigacións do grupo de viticultura dirixido por Carmen Martínez na Misión Biolóxica de Galiza, un centro dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas situado en Salcedo (Pontevedra) e que se ocupa de estudar os principais cultivos do país, con especial atención á mellora xenética e resistencia, abranguendo diversos aspectos de conservación e caracterización de recursos fitoxenéticos. Como indica Carmen Martínez, na investigación da Misión atopáronse oliveiras de máis de 300 anos en aldeas das zonas de Verín, Quiroga e Monterrei.

Alí tamén descubriron antigas almazaras (especie de muíños ou obradoiros destinados á produción de aceite) que nalgúns casos eran mixtas, pois funcionaban tamén como prensas para producir viño. Ademais, o equipo investigador tamén deu con xente en lugares destas zonas que lles contou que antigamente nas casas se elaboraba aceite para consumo e incluso se empregaba este recurso como elemento de troco. “Claro que hai unha tradición, mais está aínda sen estudar”, apunta Martínez.

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]