EUSEBIO REY, DIRECTOR DE PROSISTEMAS

“Ademais do orgullo de país, hai un orgullo tecnolóxico”

“Ademais do orgullo de país, hai un orgullo tecnolóxico”
[Imaxe: Prosistemas] Eusebio Rey
[Imaxe: Prosistemas] Eusebio Rey  

A empresa galega Prosistemas, de Eusebio Rey (Forcarei, 1946), vén de recibir nos Estados Unidos o premio Golden Trowel (os “Oscar” da alta planimetría) pola realización, para o complexo loxístico dunha multinacional do sector téxtil, dun pavimento único de 125.000 metros cadrados, batendo así o récord mundial de regularidade superficial. O logro volve situar no mapa da alta planimetría esta empresa radicada no Porriño e que alí seguirá, pois, asegura Rey, “non temos necesidade ningunha de nos deslocalizar”. Velaquí a conversa co enxeñeiro do chan perfecto. Eis un extracto da conversa publicada no número 334 de Sermos Galiza.


6Que supón para vostede e para a súa empresa o premio acadado nos Estados Unidos?

É unha ledicia e un orgullo desde varias perspectivas. De entrada, é unha auténtica pasada -permítame a expresión- que unha empresa localizada neste recunchiño do mundo, unha empresa formada case integramente por persoas que nacemos neste recunchiño, esteamos a ser ollados con admiración e agasallados pola primeira potencia mundial na complicadísima ciencia do pavimento de alta planimetría. Ademais dese orgullo de país, hai un orgullo tecnolóxico. Nós tratamos de facer divulgación científica para que a xente -ademais dos profesionais- comprenda que isto non é facer un chan e punto. Non, estamos a falar de procesos químicos moi complexos, de estudos de materiais que levan meses, de equipos láser de última xeración… Cando se toma consciencia dos coñecementos que se precisan para facer estas obras, o mundo empresarial e a sociedade valórannos de xeito máis xusto.

Por suposto, tamén hai unha satisfacción no plano persoal porque eu percorrín o mundo enteiro durante décadas, experimentando e falando cos mellores enxeñeiros especializados nesta actividade. En cada lugar do planeta, en cada universidade na que alguén tiña algo novo que dicir sobre estas tecnoloxías, aí estabamos nós. Non é cuestión de azar: é traballar arreo, é aprender, experimentar, mesmo modificar e personalizar as tecnoloxías no noso laboratorio. Hai que sacudirse os complexos e crer, sen perder a humildade, que se pode ser un dos mellores en algo; cando estás convencido e pos todo da túa parte, o éxito é posíbel. Cando escoito esa expresión de Unamuno, “¡Que inventen ellos!”, oféndome bastante.

Que achega este proxecto, cales son as súas vantaxes, ao desenvolvemento da alta planimetría?

A alta planimetría -facer un solo horizontal e liso matematicamente, máis aló que a simple ollo- era unha aspiración imposíbel hai unhas décadas porque non había tecnoloxía suficiente. Non estamos a falar dunha mesa de billar de cinco metros cadrados, que ten unha planimetría excelente e pola que circularía o ferrocarril perfecto cun mínimo coeficiente de fricción e moi pouca enerxía propulsiva; estamos a falar de superficies interminábeis á vista, inmensas leiras industriais que en ocasións superan os 100.000 metros cadrados (Balaídos ou Riazor teñen 7.140 metros cadrados cada un deles, faga vostede cálculos) e teñen que manter esas dúas características de liso e nivelado.

Estamos facendo en Holanda un pavimento tan grande como unha pequena vila para un complexo loxístico sobre terreos moi fráxiles gañados ao mar que esixen unhas características únicas de equilibrio e firmeza para non perder as cualidades. En Euskadi fixemos un pavimento que nos levou un ano de planificación para construír unha obra sen xuntas de retracción, dunha soa peza, pola que tiñan que circular aerodeslizadores para unha fábrica punteira de vehículos eléctricos. Pregúntelle a un enxeñeiro de Camiños como se pode facer un pavimento de formigón de tamaño considerábel sen xuntas que acomoden os procesos químicos da retracción.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 334 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x