Sector naval: alcaldes de Ferrolterra non acudirán á reunión co conselleiro e cualifícana de trampa

Sector naval: alcaldes de Ferrolterra non acudirán á reunión co conselleiro e cualifícana de trampa
Os rexedores de San Sadurniño e Mugardos critican o "plantón" que Feijóo deu esta terza feira ao sector naval e consideran que a xuntanza convocada para o mércores polo conselleiro de Industria é un "intento de engano" á comarca. "Non temos vontade de monaguillos nas exequias do naval", afirman

Os rexedores de San Sadurniño e de Mugardos, ambos os dous do BNG, veñen de subscribir un comunicado conxunto no cal lamentan e denuncian o "plantón" dado este martes por Feijóo aos representantes do sector naval de Ferrolterra.

Para estes alcaldes, "estamos nun momento de emerxencia para o conxunto da sociedade comarcal: imposición do veto ao naval civil e desmantelamento progresivo do sector, alarmante aumento do desemprego e perda de poboación....; cuestións que constitúen en realidade a evidencia do que estivemos a afirmar como nacionalistas e como representantes da cidadanìa dos nosos concellos: que a raíz da situación do naval vén de decisións políticas da UE e do estado, e que só haberá solucións reais cando se tomen decisións políticas que defendan o noso dereito a producir".

"Solicitámoslles publicamente aos representantes do PP que se absteñan de utilizar o tema do sector naval en beneficio propio"

Fernández Barcia e Sacundino García e afirman que "acudimos hoxe a Compostela por un compromiso coa causa do naval e en cumprimento dos acordos adoptados polas nosas corporacións e das demandas da comarca".

"Non temos vontade de monaguillos nas exequias do naval"

O comunicado, afirman que, "a diferenza doutros, nós non temos vontade de marchar de monaguillos nas exequias do naval nin ser figurantes en pantomimas montadas como cortina de fume".

Por iso xustamente, anuncian, "non acudiremos mañán á xuntanza-trampa que pretende perpetrar o PP, violando as regras de xogo e tentando enganar á comarca unha vez máis. Nin somos todos somos da mesma condición, nin defendemos o mesmo. Desde a humildade da nosa representación e desde a responsabilidade que a situación actual require, solicitámoslles publicamente aos representantes do PP que se absteñan de utilizar o tema do sector naval en beneficio propio mentres non sexan capaces de lle dar cumprimento ás demandas da comarca".