Cargos do PP de Ferrolterra maniféstanse ante a SEPI sumándose á estratexia de Feijóo

Cargos do PP de Ferrolterra maniféstanse ante a SEPI sumándose á estratexia de Feijóo
Foto: @raulsalgado
Foto: @raulsalgado  

A comitiva de rexedores e responsábeis do PP partiu de Ferrol entre apupos dos operarios do naval, que lles acusan de querer facer un simple “lavado de imaxe". Xa en Madrid, os rexedores despregaron unha faixa e berraron: ''La Sepi se escaquea, Ferrol se tambalea''. 


Mentres centos de operarios do naval de Ferrolterra se manifestaban esta terza en Compostela exixindo carga de traballo, o Partido Popular da comarca do norte do país daban unha rolda de prensa na cidade departamental para anunciar que ían concentrase en Madrid ante a sede da Sepi. Por que ante a Sociedade Estatal de Participacións Industriais? Pois porque é, dentro da nova estratexia de Feijóo de safar da responsabilidade no afundimento do sector, o novo malo da película.

Os alcaldes do PP de Ferrolterra e cargos dese partido nesa comarca viaxaron até Madrid en autobuses para, afirman, mostrar o seu compromiso e determinación co sector naval. Distinto o ven desde os sindicatos e operarios dos estaleiros, que foron a apupalos e recriminalos na súa partida. Por entender que todo é un “lavado de cara”, un tentar “limpar a imaxe” do PP.

Os traballadores lembran que dique flotante e floteis son promesas públicas do PP

 

“Non vou permitir a terceira reconversión industrial”

O rexedor de Ferrol dixo que “non vou permitir a terceira reconversión industrial” na cidade e anunciou “medidas de presión” para evitalo. Unha frase que non convence á cidadanía da comarca. Lémbranlle que o feito de que non se cumpra o compromiso dos floteis ou do dique flotante son decisións políticas e o partido que goberna é o PP.

Nesta liña, o propio voceiro do comité de Navantia-Ferrol, Ignacio Naveiras, acusou a Feijóo e o PP galego de tentar eludir as súas responsabilidades “botando toda a culpa aos responsábeis da compañía”. E lembran que quen saía na TV e nas fotos asinando o convenio dos floteis con Pemex era Feijóo.