XUNTANZA EN MADRID

Alcoa, inamobíbel, mantén o despedimento colectivo e os sindicatos abandonan a reunión

Alcoa, inamobíbel, mantén o despedimento colectivo e os sindicatos abandonan a reunión
Alcoa
Alcoa  

A multinacional non se move da súa decisión de fechar as plantas da Coruña e Avilés malia as peticións de traballadores e gobernos galego, asturiano e español para que adíe o ERE e acepte negociar.


O presidente de Alcoa no Estado español, Rubén Bartolomé, ratificou na primeira reunión oficial con persoal e administracións após o anuncio de feche para as plantas da Coruña e Avilés que esa medida non ten marcha atrás. O despedimento colectivo para case 700 traballadores e traballadoras continúa adiante e a multinacional estadounidense non dá mostras de ceder na súa intención de botar o candado a ambas as dúas factorías.

Os argumentos son as xa repetidos pola empresa até a saciedade nestes días: que esas plantas non son competitivas. Reiterouno diante dos representantes dos executivos español, galego e asturiano. E tamén ante os representantes do persoal, que abandonaron a reunión perante a actitude da delegación de Alcoa: "Prepotente e chulesca", chegaron a cualificala.

A xuntanza continuou sen eles. Nela, o secretario xeral de Industria, Raúl Blanco; a directora xeral de Política Enerxética e Minas, María Jesús Martín; o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, e o director xeral de Industria de Asturias, Manuel Monterrey, para alén da delegación de Alcoa, encabezada por Bartolomé.

Desde a multinacional anunciaron na xuntanza a disposición a a ofrecer un 'plan social' para mitigar o impacto da decisión. Os traballadores e traballadoras, de por parte, prepáranse para unha batalla que saben que vai ser longa e nada doada.