Alcoa, último cartucho

Alcoa, último cartucho
alcoa madrid protesta
alcoa madrid protesta  

Multinacional e persoal manteñen esta terza feira o último día de negociación do ERE. A empresa mantense na súa proposta de despedir dous terzos do cadro de persoal das factorías da Coruña e Avilés.


A xuntanza desta segunda feira entre dirección de Alcoa e representantes do persoal rematou sen acordo e todo parece apuntar a que o escenario da reunión desta terza feira entre ambas as dúas partes vaia ter o mesmo resultado. A multinacional non cede na súa proposta de despedir 2/3 dos traballadores e traballadoras das plantas da Coruña e Avilés, ficando con 200 operarios para garantir o mantemento das factorías por se até finais de xuño aparece un inversor.

Desde os sindicatos manteñen sobre a mesa que é posíbel manter 100% de emprego e actividade e instan o goberno, como levan facendo ao longo de todas estas semanas, a “mollarse”, a asumir as factorías e implicarse a fondo na procura dun inversor.

Se a xuntanza desta terza feira acaba sen acordo, a empresa poderá empezar a executar a partir desta cuarta feira os despedimentos, que serían mediante un ERTE (temporais) até 30 de xuño por se aparece un inversor. De non se materializar esta opción do comprador, os despedimentos pasarán ser definitivos.



x