A alimentación galega busca mercados

A alimentación galega busca mercados
Espazo da Deputación da Coruña no Fórum Gastronòmic de Barcelona (Deputación da Coruña).
Espazo da Deputación da Coruña no Fórum Gastronòmic de Barcelona (Deputación da Coruña).  

O Fórum Gastronómico de Barcelona é unha cita ineludíbel no calendario gastronómico internacional e un escaparate perfecto para as empresas de alimentación. Do 18 ao 20 de novembro Galiza contará con representación do sector na procura de sumar novos mercados.


A busca de novos mercados está a ser cada vez máis importante para as empresas galegas do sector agroalimentario. Atrancos como a imposición por parte dos Estados Unidos de aranceis a determinados produtos europeos puxo en alerta o sector e tamén as institucións para aumentar a presenza en eventos de promoción internacionais.

Un dos que máis acollida ten polo seu volume é o Fórum Gastronòmic de Barcelona onde Galiza repetiu presenza outro ano máis con espazos impulsados pola Xunta da Galiza e a Deputación da Coruña.

A Consellaría de Medio Rural está presente nesta cita gastronómica con empresas galegas que producen e distribúen café, té, cacao, especias, galletas mariñeiras, xeados artesáns, conservas, queixos da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro, viños da Denominación de Orixe Rías Baixas e distintos vermús. Participan no encontro Lagar da Cachada (Cambados); Disaligal S.L. (Tomiño); Meles Anta (A Coruña); Lugar da Veiga S.L. (Chantada); Orballo (Paderne); Bico de Xeado (Bergondo); Petroni (Padrón); A Central Xeadeira (Ourense); Mareterra Deluque (Ourense); e Queixos Castelo (Pedrafita do Cebreiro).Fórum Gastronòmic de Barcelona (FGB).

A aposta do espazo da Deputación da Coruña foi polas degustacións e a “cociña espectáculo” showcooking. Polo Fórum pasarán nestes días cociñeiras e cociñeiros como Fernando Agrasar das Garzas (Malpica) e Salitre (A Coruña); Beatriz Sotelo de Illas Gabeiras (Ferrol); Diego Mato de Casa Nené (Arzúa); Daniel López do Restaurante Camiño do Inglés (Ferrol); Lolo Mosteiro da Artesa da Moza Crecha (Betanzos); Kike Piñeiro da Horta do Obradoiro (Compostela); Iván Sande e Miguel Calvero do Restaurante Vila de Muros (Muros); Montse Santos de Casa do Tella e Rosalía (Muros); e Pepe Senande de A Muradana (Muros). Tamén participarán as empresas Queixerías Barral e Galmesano, Aceite Olivar de Moura de Vedra e de empanadas Costumes.

Darse a coñecer

Lagar da Cachada é unha das empresas que está presente estes días no Fórum Gastronòmic de Barcelona. Fundada en 2000 no Val do Salnés, esta adega aposta polo enoturismo e a súa presenza en Catalunya débese a «servir de apoio comercial ao distribuidor» como explica a Sermos Galiza o seu responsábel, Ricardo Abal. «É unha feira interesante para nós, pensamos darnos a coñecer coa nosa variedade ampla de produtos». A adega produce 70.000 litros anuais de viño e conta con dúas marcas de albariño e unha de mencía que distribúen nunha produción de 3.000 botellas. «A nós non nos afectou o tema dos aranceis de Trump, mais houbo a adegas que si», recoñece.

Tamén en Mareterra Deluque cren que a súa presenza en Barcelona pode axudar a dar visibilidade ao seu produto. Elaboran conservas sen colorantes, conservantes nin aditivos desde Esgos, na comarca de Ourense. «Queremos introducirnos en Catalunya e estabelecer contactos co empresariado catalán e tamén con tendas», explica Carlos Rodríguez de Mareterra Deluque. «As zonas con moita poboación son o noso segmento». Esta pequena empresa leva catro anos medrando en facturación e este ano chegou aos 60.000 euros.

Empresas como Lagar da Cachada, Mareterra Deluque e Orballo participan para darse a coñecer.

Do denominado sector bio é Orballo que acode a Barcelona coas ideas claras. «Para nós é moi importante a nosa presenza no Fórum Gastronòmic para darnos a coñecer e atopar novos mercados», explica o seu responsábel de marketing e comunicación Óscar Torres, «os nosos produtos teñen un valor engadido e sabemos que teñen un maior consumo nas cidades». Orballo dedícase á produción e venda de infusións, arroces aromáticos e especias. A súa facturación sitúase nos 500.000 euros e ten na actualidade 400 puntos de venda no Estado español.

Distribución directa

Algunhas das empresas galegas presentes en Barcelona buscan crear novas estruturas nun mercado cada vez máis competitivo. É o caso de DaVeiga S.L., que coas súas galletas mariñeiras xa conta con presenza mesmo en Portugal a través dun distribuidor local. «Estamos aquí para estabelecer a venda directa do noso produto en Barcelona e a súa Área Metropolitana», explica a Sermos Galiza o seu xerente, Xosé Lois Lamazares.

Algunhas das empresas galegas presentes en Barcelona buscan crear novas estruturas nun mercado cada vez máis competitivo.

«Hai un ano realizamos unha experiencia de venda directa, de distribuidores locais, en Asturies e funcionou moi ben e cremos que a experiencia podería estenderse ás grandes cidades como Valencia, Madrid ou Bilbo». Lamazares recoñece que este tipo de estratexia «require un esforzo considerábel» mais «rendíbel co tempo». E por agora os números danlle a razón. A facturación non parou de medrar e aumentou este ano en 34% chegando aos 6,5 millóns de euros.