Asemblea de traballadores aproba impugnar o ERE acadado por NGB e os sindicatos estatais

Asemblea de traballadores aproba impugnar o ERE acadado por NGB e os sindicatos estatais
Asemblea Traballador@s NGB
Asemblea [email protected] NGB  Riobó Prada
O acordo atinxido entre Novagalicia Banco, CCOO, UGT e Csica non convence a boa parte do cadro de persoal da entidade financeira. Nunha asemblea realizada esta segunda feira en Compostela decidiron facer fronte a un ERE que afectará a 1.850 [email protected] Aprobaron impugnar o acordo

A asemblea estaba convocada por, entre outros, CIG e CGT, sindicatos que non apoiaron o que cualifican como "terríbel" acordo suscrito entre Novagalicia Banco (NGB) e CCOO, UGT e Csica. Numerosos empregados da entidade acudiron á cita, que tivo lugar en Compostela, e na que se abordou a posibilidade de impugnar o acordo, pois malia afectar o 80% dos traballadores non foi consultado con estes. "Estamos ante o maior ERE da historia de Galiza, que afecta a 1.850 empregados desta entidade".

Na asemblea, alén de debates e quenda de preguntas, realizáronse dúas votacións. A primeira, sobre se os e as presentes estaban aprol do acordo de ERE acadado por NGB con CCOO, UGT e Csica. A votación foi clara: ningún voto a favor do acordo e ningunha abstención. Todos os asistentes (por volta duns 300) votaron en contra

Impugnar

Na segunda votación púñase en mans da asemblea se impugnar ou non o acordo. Todos os presentes, agás catro que se abstiveron, votaron a favor de impugnar o ERE.

"A representatividade que esgrimen os sindicatos asinantes é ficticia xa que non houbo eleccións sindicais dende a fusión; e mesmo hai comités vencidos que non foron renovados, mais que manteñen a representatividade porque os sindicatos asinaron un acordo a nivel estatal en 2010 que prorrogou o seu mandato”, lembrou Clodo Montero, de CIG-Banca. Montero defendido que NGB é unha empresa viábel, mais alerta de que os recortes propostos poñen en perigo as súa superviviencia. “Moito nos tememos que sexa para reducir o seu tamaño e adaptala ao capital que estarían dispostos a achegar os fondos de inversión especulativos para facerse con ela”.

Prexubilacións

Canto aos detalles do acordo, o máximo responsábel de CIG-Banca explica que contempla un paquete de prexubilacións no que entran as persoas que estaban a negociar “en representación de determinados sindicatos” e sostén que “nós discutimos que era posíbel prexubilacións en condicións dignas pero menores, ampliando o colectivo de persoas afectadas para dar cobertura a compañeiros/as maiores de 50 anos, aos que a empresa puxo na diana”.

Neste senso, indica que se trataba de darlles cobertura a través dun proxecto de prexubilacións “con condicións dignas, pero non de luxo”, polo que as diferenzas “eran máis con outros sindicatos que coa empresa, porque outros sindicatos querían manter a situación porque lles afectaba persoalmente; que sexan 455 persoas non é casual, xa que aí entra xente con 53 anos, o que dá cobertura a algúns que estaban na mesa”.

No que respecta ás indemnizacións por despedimentos, explica que “de xeito encuberto son de 45 días por ano traballado; aí tamén foi unha disposición por parte do Goberno español e do FROB. O Goberno non quería que nas entidades nacionalizadas, logo de se aprobar a reforma laboral, os sindicatos romperamos o tope da reforma”.