Asembleas da CIG co persoal de Servicarne sobre o proceso que empeza tras a resolución da Inspección de Traballo

Asembleas da CIG co persoal de Servicarne sobre o proceso que empeza tras a resolución da Inspección de Traballo

Inspección de Traballo comunicou a Servicarne que ten que proceder a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social aos 5.000 traballadores que ten no conxunto do Estado español, por volta de 1.000 deles en Galiza


Asembleas en Ourense, Lugo e O Porriño con persoal de Servicarne para informar  sobre a resolución da Inspección de Traballo que obriga a falsa cooperativa a dalos de alta no réxime xeral de seguridade social e abordar o proceso que se inicia a partir de agora. Asembleas organizadas pola CIG e nas que a central trasladoulles que unha vez que reciban a comunicación da autoridade laboral terán que presentar reclamacións individuais para que lles devolvan as cotas de autónomo que pagaron nos últimos catro anos.

A partir de que reciban a comunicación da Inspección de Traballo iniciarase o proceso mediante o que a empresa deberá dalos de alta no réxime xeral da Seguridade Social. Paralelamente os traballadores deberán tramitar reclamacións individuais para solicitar que se lles devolvan as cotas de autónomo que abonaron nos últimos catro anos.

Ademais, no caso de Frigolouro, a Inspección de Traballo xa lle comunicou á empresa que ten que proceder a converter os falsos/as autónomos/as que traballan nas súas instalacións -arredor de 260- en persoal propio antes do vindeiro mes de novembro, medida que seguramente se estenderá ao resto de compañías usuarias en breve.

Inspección de Traballo comunicou a Servicarne que ten que proceder a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social aos 5.000 traballadores que ten no conxunto do Estado español, por volta de 1.000 deles en Galiza. Unha resolución que chega após o cento de reclamacións individuais tramitadas pola CIG diante da autoridade laboral a raíz do conflito de Frigolouro. Falamos con Suso García, do sindicato nacionalista.

“Foi un conflito sempre en solitario. Non só tivemos que loitar contra a empresa senón incluso contra os delegados das outras centrais sindicais. Foi unha loita bastante ‘fodida’, esa é a palabra”, afirmaba en conversa con Sermos Galiza Suso García, do sindicato nacionalista.