Así dá a volta a tortilla: nestas tres décadas o peso dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos

Así dá a volta a tortilla: nestas tres décadas o peso dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos

A participación dos salarios na riqueza do noso país é de 44%, o que supón 3,4 puntos menos que a correlación que hai no Estado español e 4 puntos menos que na UE.

 


Nestes anos de gran recesión houbo un cambio de tornas de enorme calado: o peso dos beneficios empresariais superou ao dos salarios no Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza. Mais esta  situación tiña as raiceiras e orixes en anos ben atrás. Un proceso no que se deu unha drenaxe ou trasvase das rendas salariais a favor dos beneficios das empresas.

Entre 1981 e 2014 a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Era 62% do PIB e pasou ser 44%. Ao tempo, a participación das rendas do capital no PIB galego pasou de 34,4% (1981) a 46%. Un aumento de 12 puntos. Uns dados que amosan que Galiza está entre os países da Unión Europea con menor participación dos salarios na riqueza do seu país: 44%, o que é 3,4 puntos menos que a correlación que se dá no Estado español e 4 puntos menos que na UE.

Desde comezos de século XXI até agora houbo unha caída de 30 puntos no salario bruto anual medio en termos reais. En 2016 o soldo é 70% do valor correspondente que ese mesmo soldo tiña en 2001. O menor peso das rendas salariais que das rendas do capital no PIB non é algo que se dea en todos os territorios do Estado. A isto chegouse após un proceso no que, só entre 2007 e 2016, a masa salarial diminuíu na Galiza en 1.300 millóns de euros ao tempo que os beneficios empresariais aumentaban en máis de 500 millóns, segundo un estudo de UGT.