AP-9

Audasa ingresa 71 millóns de euros por peaxes en seis meses e aumenta os seus beneficios en 17%

Audasa ingresa 71 millóns de euros por peaxes en seis meses e aumenta os seus beneficios en 17%
[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela
[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela  

A concesionaria da AP-9 tivo no primeiro semestre un beneficio neto de case 19 millóns de euros. As peaxes incrementaron desde xaneiro en 3,5%.


A AP-9 continúa a ser, como se diría comunmente, unha máquina de facer cartos. Audasa, a concesionaria da infraestrutura galega máis importante, presentou os seus resultados relativos ao primeiro semestre do ano e estes deixan para a empresa uns beneficios netos de case 19 millóns de euros. Para ser exactos, 18,8 millóns, unha cifra que é unha porcentaxe superior en 17,5% á que rexistrou no mesmo período do ano anterior, 2018.

Así, entre xaneiro e xuño os seus ingresos por peaxes (facturación) foi de 71,4 millóns de euros. Nada máis e nada menos que 7,5% máis que o que ingresou nos primeiros seis meses do exercicio pasado. Este aumento débese principalmente a dúas razóns: o incremento do tráfico (a media diaria de circulación é de 23.117 vehículos, 2% máis) e a suba do prezo. A propia Audasa informa que desde xaneiro as peaxes son 3,5% máis caras.

40% máis cara nunha década

Ir de Compostela a Madrid por vías de alta capacidade (A-8, despois A-6 e Ap-6) permite percorrer máis de 500 quilómetros cun custo en peaxes para o peto do conductor de menos de 13 euros (portaxe de Adanero, na entrada a Madrid). Porén, percorrer os 200 quilómetros entre Ferrol e Tui pola AP-9 vai supor perto de 21 euros en peaxes após a nova suba de 1,9% aprobada esta sexta feira polo Consello de Ministros. En 2010 apenas era de 14,5 euros. Suba de máis de 40%. Neste mesmo período, entre 2010 e 2018, os beneficios obtidos pola concesionaria da Autopista do Atlántico abeiraron os 500 millóns de euros.

Son apenas 220 quilómetros, de Ferrol a Tui, mais xeraron 2.700 millóns de euros desde a súa posta en servizo, en 1979. Os custos de construción non chegaron a 1.500 millóns. Anualmente factura por volta de 140 millóns e a concesión non caduca até 2048.