O autoconsumo reclama máis exencións

O autoconsumo reclama máis exencións
Instalación de autoconsumo en Frigalsa. [Imaxe: EDF Solar]
Instalación de autoconsumo en Frigalsa. [Imaxe: EDF Solar]  

O autoconsumo quere abrirse paso na Galiza, pero as distintas normativas fiscais fan que non sexa o mesmo poñer placas solares nunha vivenda da Coruña, onde existen exencións no Imposto de Bens Inmobles (IBI), que en Vigo, onde non as hai. 

Nun recente informe, a Fundación Renovábeis avalía a situación dos incentivos económicos que os concellos recollen nas súas normativas municipais para fomentar o autoconsumo. Eses incentivos consisten, fundamentalmente, nas bonificacións en taxas de carácter local como o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o imposto de Instalacións, Construcións e Obras (ICIO). En ambos casos trátase de exencións potestativas, é dicir, que requiren que as ordenanzas fiscais de cada concello as regule e defina para poder ser de aplicación. 

Segundo a lexislación, a porcentaxe máxima de bonificación no IBI é de 50%. A duración da mesma pode ser indefinida (nestes casos chegaría até os 30 anos), aínda que a maioría de municipios fíxanas entre 1 e 5 anos. Porén, os concellos poden estabelecer tamén limitacións como o uso do inmoble (vivenda habitual ou residencial), a potencia mínima instalada ou a porcentaxe de demanda cuberta pola enerxía solar.  

As persoas que elaboraron o estudo destacan a existencia de limitacións que na práctica fan inviábeis as bonificacións, como por exemplo estabelecer un mínimo de 5kw de potencia instalada por cada 100m2 de vivenda, como é o caso da Coruña.

Mapa desigual

A regulación debuxa un mapa desigual na Galiza. Segundo os datos de 2018 das ordenanzas fiscais das grandes cidades galegas, que son os que traballa a Fundación Renovábeis para o seu informe, só A Coruña ofrece exencións no IBI, concretamente 50% durante tres anos para vivenda habitual sempre que permita a obtención do certificado enerxético de clase A. No caso do ICIO, as bonificacións van desde 30% de Ourense a 95% da Coruña. Pontevedra e Lugo ofrecen 50% e Vigo, 30% para uso residencial, industrial e comercial e 95% para vivenda.

A vantaxe fundamental dos sistemas de autoconsumo é que permiten xerar a electricidade no mesmo punto de consumo, intercambiando coa rede os excedentes de enerxía, así como cubrir os déficits que poida ter o sistema fotovoltaico. 

O Real Decreto 900/2015 trouxo consigo numerosas limitacións, como o denominado imposto ao sol ou a penalización dos sistemas de almacenamento, o que desincentivou a instalación  deste tipo de solucións ao facelas en moitos casos inviábeis desde o punto de vista económico. Esas limitacións desapareceron tras o derradeiro cambio de Goberno e a aprobación do Real Decreto 244/2019, que abriu de novo as portas ao autoconsumo.

Líder galego en autoconsumo

A pesar desas limitacións, empresas como a pontevedresa EDF Solar lograron sacar adiante proxectos na Galiza. Esta compañía é referente en instalacións de autoconsumo fotovoltaico para empresas, con máis de 50MW instalados (17MW no que vai de ano) e 1.300 proxectos executados. O seu director xeral, Fernando Romero, sinala a Sermos Galiza que na Galiza “hai apoio á enerxía solar fotovoltaica desde a Xunta a través de subvencións para instalacións de autoconsumo, pero non tanto pola vía impositiva, que sería o ideal”.

Neste senso Romero considera que “o sector debe funcionar por si mesmo. É necesaria a promoción de máis exencións fiscais ao autoconsumo, con bonificacións en Imposto de Sociedades, IBI ou Imposto de Actividades Económicas (IAE) en cada administración competente. A nivel do Estado español, o que pedimos son exencións en Sociedades, como xa se está a facer en Nafarroa, por exemplo”.