A banca destruíu nestes anos máis de 7.000 empregos na Galiza

A banca destruíu nestes anos máis de 7.000 empregos na Galiza

Sindicatos como a CIG denuncian que a patronal pretende mudar até un 30% do salario fixo en variábel e ligalo á colocación de produtos financeiros “que a clientela non demanda”


O sector da banca non se limita a directivos e altos executivos, senón que tamén abrangue milleiros de empregados, traballadores asalariados nun sector que nestes anos sufriu un axuste brutal na súa base. Desde o comezo da crise, a banca destruiu en Galiza máis de 7.000 empregos e desapareceron máis de 800 oficinas, nun proceso de reestruturación e centralización financiera que deixou pegada (negativa) en gran parte do rural galego. Son dados estes que saen á lúz con motivo das novas mobilizacións dos traballadores e traballadoras do sector. Así, delegados da CIG-Banca realizaron unha acción reivindicativadiante das oficinas de Abanca, BBVA, Santander, Sabadell e Pastor da Coruña en rexeitamento ás pretensións da patronal do sector financeiro de aplicar recortes salariais no convenios colectivos que se están a negociar e “radicalizar a política comercial” baseada en colocar produtos “que a clientela non demanda”.

O secretario nacional da Federación de Banca da CIG, Clodomiro Montero, explicaba que as negociacións de ambos convenios están estancadas “pola actitude prepotente das patronais AEB e ACARL e as posturas maximalistas que defenden”. “Despois de todo o que vivimos de preferentes, obrigas subordinadas, cláusulas chan, etc., que levaron á ruína a miles de persoas, os bancos, en vez de modificar a política comercial, o que pretenden é radicalizar esas políticas e que un 30% do salario fixo se transforme en salario variábel”, alertou Montero.

Nova reestruturación 

Enriba da mesa hai un novo proceso de reestruturación da banca. O Banco Central Europeo, o Banco de España e o Ministerio de Economía xa traballan nun novo proceso de fusión e unha maior concentración do sistema financeiro, afirma Montero. “Se non o remediamos, este proceso terá un impacto sobre o emprego. Hai que lembrar que nos últimos anos en Galiza xa se perderon 7.000 postos de traballo no sector”, advirte.

A CIG-Banca pide que se adopten medidas nos convenios colectivos para evitar esa nova destrución de emprego. Avoga pola redución da xornada laboral, camiñando ás 35 horas semanais, facendo un control efectivo da xornada, e pola eliminación das horas extraordinarias “que nin se pagan nin se cotizan”. A este respecto, denunciou que hai traballadores/as que realizan 10 horas diarias para cubrir a carga de traballo dos compañeiros e compañeiras despedidas.