Banco de España avoga pola baixada de salarios para frear a destrución de emprego

Banco de España avoga pola baixada de salarios para frear a destrución de emprego
 
O Boletín Económico da entidade analiza a relación ente actividade e emprego na economía española

"A moderación salarial pode actuar como factor de amortiguación da intensidade da destrución de emprego". Esta é unha das conclusións recollidas no último boletín económico do Banco de España, unha receita na liña das propostas feitas desde organizacións e círculos empresariais, que sempre sinalaron que os soldos das e dos traballadores lastraban a competitividade da economía española.

Alén diso, desde o Banco de España tamén se sinala que a última reforma laboral pode axudar a "suavizar" o impacto da crise sobre as taxas de desemprego, uns niveis que o propio goberno español recoñecía nesta sexta a través do seu ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que a finais de ano superaría o 24 por cento. "Cabe agardar que a última reforma laboral contribúa a facilitar a adptación das condicións laborais ao ciclo económico e, desta maneira, a suavizar o impacto das caídas da actividade sobre emprego", sinálase no boletín económico do BE.

Exercicio

Mesmo fai o Banco de España un exercicio teórico co suposto de que os salarios reais se reducisen un 5% no primeiro trimestre de 2008 (cando a crise xa comezaba a deixarse notar). Segundo os seus cálculos, con estas medidas teríase evitado (en termos acumulados até o cuarto trimestre de 2011) a destrución de aproximadamente un cuarto da perda total de emprego no sector privado desde o inicio da crise.