Banco de España constata que o prezo do alugueiro na Galiza aumentou até un 30% nestes 5 anos

Banco de España constata que o prezo do alugueiro na Galiza aumentou até un 30% nestes 5 anos
Vivendas, alugueiro, laura r. cuba,
Vivendas, alugueiro, laura r. cuba,  

Estudou a evolución deste mercado en catro cidades galegas desde 2014. Onde máis incrementou foi na Coruña e onde menos, en Ourense.


O prezo do alugueiro de vivenda aumentou na Galiza nestes cinco anos até nun 30%, nun proceso de encarecemento que ten como consecuencia unha sobrecarga financeira para quen ten que facer fronte a este gasto.

O Banco de España avaliou a evolución do prezo de alugueiro de vivenda nas capitais das provincias do Estado español entre 2014 e 219, entre elas as galegas A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Así, o supervisor constata que Palma e Barcelona lideran o aumento do prezo do alugueiro, cunha suba de 50% nestes cinco anos.

Na Coruña, e segundo este estudo, ese incremento foi de case 30%, mentres que en Lugo situouse perto de 20%, en Pontevedra supera 15% e en Ourense fica lixeiramente por baixo desa porcentaxe.

A nivel de Estado, o gasto en alugueiro supón xa case 28% dos ingresos netos dos fogares, elevándose até 47% nos colectivos de menores rendas. Esta sobrecarga financeira supera notabelmente a media dos países da OCDE, que é de 13%.

No Estado español 23% da poboación vive en vivenda de arrendamento, porcentaxe inferior á media da UE (31%) e moi afastada da que se rexistra en Estados como Alemaña (45%), Francia (35,6%) ou Reino Unido (35%).

En mínimos

A construción de vivenda social na Galiza está en mínimos. En 2017 houbo 12 vivendas protexidas rematadas, a cifra máis baixa entre todas as comunidades do Estado español. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación ca nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha.

En todo o Estado español entregáronse en 2017 as chaves de 4.938 pisos sociais. Só 12 na Galiza, o que supón apenas 0,2% do total. En Estremadura (1.600.000 habitantes menos que en Galiza) foron 216. En Nafarroa –a que cuadriplicamos en poboación– foron 192, o que representa 180 vivendas protexidas máis.