Barreras comeza a despexar o seu futuro

Barreras comeza a despexar o seu futuro
Protesta das traballadoras do estaleiro Hijos de J. Barreras (Paula Justo/Europa Press).
Protesta das traballadoras do estaleiro Hijos de J. Barreras (Paula Justo/Europa Press).  PAULA JUSTO-EUROPA PRESS
A dirección do estaleiro Hijos de J. Barreras confía en acadar un acordo esta semana cos armadores de Ritz-Carlton.

O estaleiro Hijos de J.Barreras comeza a ver a luz ao final do túnel. Segundo adiantaron esta terza feira desde o comité de empresa do estaleiro vigués, está previsto que os propietarios da empresa cheguen un acordo cos armadores de Ritz-Carlton para desbloquear a construción do cruceiro e finalizar os traballos.

A propiedade, que conta con PMI, filial da petroleira mexicana Pemex, como máximo accionista, trasladou ao comité de empresa que a súa folla de ruta pasa precisamente por acadar un acordo para xestionar os sobrecustos, que ascenden a uns 50 millóns de euros, e ao mesmo tempo evitar chegar ao concurso de acredores. 

Nesta liña, o presidente do comité, Sergio Gálvez (UXT) recoñeceu a existencia de «negociacións» entre as partes para darlle á volta a delicada situación económica que atravesa o estaleiro. Ademais destacou que unha vez superado o «tapón» que supón o cruceiro de Ritz-Carlton, non habería problema en retomar tamén os traballos de construción dos dous barcos para a armadora norueguesa Havila que aínda permanecen nas bancadas de Barreras.

«Non contemplamos un escenario que non sexa o acordo, pero non podemos esperar tres meses para solucionar isto», apuntou Gálvez, quen insistiu en que «os tempos son xa agónicos». Tamén lembrou que nesta negociación «todos xogamos moito, non só os 200 traballadores de cadro. Hai mil empregos directos de auxiliares e outro mil indirectos», apuntou.

Mobilizacións

Gálvez fixo estas declaracións na previa da manifestación que esta terza feira percorreu as rúas de Vigo. A marcha, secundada polas traballadoras e as representantes dos sindicatos CIG, CCOO e UXT,  partiu da entrada principal do estaleiro e chegou até a rotonda da Praza da Industria. Con esta acción, reivindicaban unha solución para Barreras que podería estar a punto de chegar se as negociacións chegan a bo porto. 

De momento, o calendario previsto de mobilizacións continuará esta quinta feira cun paro de unha hora, á que seguirá outro paro, desta vez de catro horas, dentro dunha semana. A estas accións súmase unha convocatoria de mobilización por parte da CIG para o vindeiro 14 de novembro, desta vez para reclamar a intervención pública de Barreras. Deste xeito, apunta o sindicato, poderíase garantir a actividade industrial e os postos de traballo. A manifestación partirá do estaleiro ás 11, coincidindo co inicio dos paros, e rematará na delegación da Xunta en Vigo.

Desde a CIG, que tamén aposta pola creación dunha comisión para afrontar a crise do estaleiro, así como a posta en marcha por parte do Goberno central das medidas necesarias para a reposición das prestacións por desemprego durante o período no que os traballadoras estiveron sen actividade, demandan que se retome «de inmediato» a actividade industrial en Barreras coa volta das traballadoras e das empresas auxiliares.

Cambio na propiedade

O desbloqueo da construción dos barcos en carteira (o valor dos pedidos aproxímase aos 900 millóns de euros) servirá tamén para despexar a situación do accionariado do estaleiro e a súa posíbel venda. Precisamente, as industrias auxiliares afectadas pola crise do estaleiro deu hai unhas semanas «un paso adiante» para desbloquear esta situación coa constitución dunha mercantil para negociar directamente con Pemex a toma de control da empresa. 

O proceso iniciouse coa remisión dunha carta de intencións por parte dos representantes das auxiliares acredoras para dar a coñecer a súa folla de ruta, que se fundamenta nun posíbel intercambio de débeda (25 millóns de euros) por accións, senón pola compra directa de accións.