Bruxelas investiga se son legais as axudas públicas a PSA para investir en Vigo

Bruxelas investiga se son legais as axudas públicas a PSA para investir en Vigo

Abre unha investigación para comprobar se as axudas por case 21 millóns de euros concedidas durante o goberno de Mariano Raxoi son conformes ás normas comunitarias.


A Comisión Europea abre unha investigación para analizar se o plan do Estado español de conceder 20,7 millóns de euros en axudas públicas ao grupo PSA para investir na súa factoría de Vigo están de acordo coas normas europeas de axudas de Estado a rexións. 

“A Comisión investigará polo miúdo se as axudas previstas de España son realmente necesarias para que Peugeot invista en procesos de produción verdadeiramente innovadores en Vigo e se van desenvolver a rexión sen falsear indebidamente a competencia en detrimento da cohesión da UE”, manifesta Margrethe Vestager, comisaria europea da Competencia nun comunicado.

O grupo PSA, fabricante de Citroën e Peugeot, está a investir 500 millóns de euros en novas liñas de produción e en melloras do proceso produtivo na factoría de Vigo. O traballo nas novas liñas comezou en 2015 e en 2017 o Estado español notificou á Comisión que desexaba conceder axudas públicas por case 21 millóns de euros.

A normativa sobre axudas rexionais non permitn que se beneficien deste apoio as grandes empresas que invisten en instalacións xa existentes agás que permitan mudanzas fundamentais e innovadoras no proceso de produción.