Un de cada catro galegos e galegas está en risco de pobreza ou exclusión social

Un de cada catro galegos e galegas está en risco de pobreza ou exclusión social

A Enquisa de condicións de vida publicada polo INE cifra en 7% os fogares da Galiza con moita dificultade para chegar a fin de mes.


A taxa de risco de pobreza ou exclusión social Arope (polas súas siglas en inglés At Risk Of Poverty or social Exclusion ) creouse en 2010 a efectos de medir a pobreza relativa en Europa ampliando o concepto da taxa de risco de pobreza, que só contemplaba os ingresos. A taxa Arope elabórase coa poboación que está en risco de pobreza, con carencia material ou con baixa intensidade de emprego.

A taxa Arope está na Galiza en 23%: case un de cada catro galegos e galegas está en risco de pobreza ou exclusión social. Os risco de pobreza no noso país é de 18,8% fronte ao 21,4% de media española. A poboación en risco de pobreza é un indicador relativo que mide a desigualdade. Non mide a pobreza absoluta mais cantas persoas teñen ingresos baixos en relación ao conxunto da poboación.

No que respecta á situación económica dos fogares, 7% dos fogares galegos teñen moitas dificultades para chegar a final de mes, tres puntos menos que a media do Estado español, que é de 10%. Na Enquisa tamén se recolle que Galiza é o terceiro territorio en porcentaxe de fogares que non poden ir de vacacións fóra de casa ao menos 1 semana ao ano. Nesa situación están 45,6% dos fogares galegos fronte ao 34% dos españois.

Por último, un de cada catro fogares do noso país non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, una porcentaxe por baixo da media estatal (36%).