Cada día, 21 mulleres emigran da Galiza na procura dun traballo remunerado

Cada día, 21 mulleres emigran da Galiza na procura dun traballo remunerado
O téxtil é un dos sectores máis feminizados [SG]
O téxtil é un dos sectores máis feminizados [SG]  
Os datos do mercado laboral das mulleres "son cada vez peores". CIG presenta o informe de 2012 e a campaña que desenvolverá co gallo do 8 de marzo


"A situación non é exclusiva en Galiza, nin no Estado español, senón un fenómeno global. Porén, namentres nalgúns estados, especialmente no seo da Unión Europea, se tomaron medidas para intentar paliar o problema da muller, no Estado español e en Galiza estamos practicamente en cueiros".

O texto anterior está tirado da análise que a economista da CIG Natividade López incluíu no nº46 da revista Andaina, correspondente ao ano 2007, entitulado Muller e precariedade laboral. Nesta sexta feira, a central sindical nacionalista presentou a campaña do 8 de marzo, xornada reivindicativa que se desenvolverá baixo o lema Fartas! No albo, datos como os que seguen, referidos aos últimos doce meses:

- unha media de 30 mulleres foron ao desemprego cada día

- a destrución de emprego feminino "disparouse", malia que os 160 mil postos que se perderon nos últimos cinco anos estaban maioritariamente ocupados por homes, ao afectar primeiro a crise a sectores "moi masculinizados", como a construción ou o metal

- até 8.400 mulleres perderon o seu traballo no sector servizos

- dos 660 mil contratos asinados no País, 320 mil están rubricados por traballadoras, tres contratos por muller ao ano. Dedúcese desta realidade que medra a contratación a tempo parcial "malia a destrución masiva de emprego"

- até 37.500 mulleres de entre 15 e 34 anos emigraron. De non producirse este movemento de [email protected], a taxa do paro subiría do 20% ao 25%

- por volta de 400 mil mulleres son pensionistas e, ao tempo, sustento de moitas familias. Delas, 166 mil son viúvas. A media de ingresos sitúanse nos 556 euros, namentres os homes cobran 873 euros

- até 3.700 mulleres sobreviven coa "miseria" da Risga, que lles permite "algo de subsistencia"

"Maiores de 55 anos que eran amas de casa teñen que saír ao mercado laboral e buscar un emprego por mor dunha situación familiar moi precaria", subliñou Natividade López seis anos despois de ter escrito aquel artigo para a revista Andaina en que daba conta da incorporación das mulleres a un espazo produtivo "organizado por e para os homes en función do rol social que tiñan asignado e sen ter en conta a nova realidade".

Así as cousas, aumenta a poboación activa na medida en que aumenta a cifra de mulleres que se anotan nas listas do desemprego na procura dun traballo remunerado. Destacou a responsábel do gabinete de Economía da CIG "a desfeita" que se produciu no sector da administración e a perda de emprego que se deu nos servizos sociais, a sanidade e a educación, canda os sectores da hostalería e do comercio. "Este ano vai empeorar a situación", destacou, ao tempo que sinalou como a redución da taxa de temporalidade non vén acompañada do incremento da contratación indefinida "senón pola destrución da temporal".

Fartas! dos teitos de cristal, da discriminación, da dobre xornada

Na rolda de imprensa de presentación da campaña, a secretaria condeferal de Muller e Mocidade, Margarida Corral, anunciou diversas mobilizacións, rexeitando "celebracións e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas administracións que recortan os nosos dereitos". Malia levar máis dun século conmemorando esta data, "en pleno ano 2013 as mulleres saímos á rúa para denunciarmos a mesma opresión" e chamou a enfrontar o panorama anteriormente descrito "como fixeron as nosas avoas".

Corral denunciou que medidas como os plans de igualdade "non son máis ca declaracións de intencións, por imperativo legal ou co único obxectivo de acceder a subvencións" e enfatizou que a inclusión da perspectiva de xénero na negociación colectiva "é residual ou inexistente". Canda todo isto denunciou a "dupla ou tripla" xornada que afrontan as mulleres galegas, ao teren que dedicar "horas infinitas" ao traballo non remunerado do fogar e dos coidados.
 

Mobilizacións por cidades: 8 de marzo ás 12h

- Coruña, diante da empresa Eurocen. Concentración contra o desmantelamento do COF do Ventorrillo

- Compostela, diante da oficina da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, en Área Central

- Lugo, diante do Gran Hotel

- Ourense, en resposta ao convenio do téxtil

- Pontevedra, na Praza 8 de marzo

- Vigo, diante do Corte Inglés. Pola tarde, manifestación convocada pola Marcha Mundial das Mulleres

- Ferrol, diante do Centro Comercial Odeón. Pola tarde, manifestación convocada pola Marcha Mundial das Mulleres

Mobilización nacional Mulleres en loita polos nosos dereitos: 9 de marzo, 12.30h. Sairá da estación de comboios de Compostela