Cada dous días fechan na Galiza cinco comercios de barrio

Cada dous días fechan na Galiza cinco comercios de barrio
Un comercio que pecha en Compostela
Un comercio que pecha en Compostela  Riobó Prada

Foron máis de 3.500 nos últimos catro anos, segundo datos do propio sector, que incide no impacto dos grandes centros comerciais e a venda ‘on-line’.


Sen un tecido comercial vivo non hai cidades nin vilas vivas. É unha máxima que repiten con teimosía desde entidades e asociacións de comerciantes. Os últimos dados que manexa o sector semellan apontar, seguindo esta máxima, a cidades e vilas con menos ‘vida.’.

Nos últimos catro anos fecharon na Galiza 3.587 tendas ou comercios de proximidade. Son dados de Uatae, a Asociación de Traballadoras e Traballadores Autónomos e Emprendedores, nada en 2003 e que une a máis de 300 entidades deste sector, representando máis de 350.000 profesionais. Eses 3.587 comercios no último cuadrienio supoñen que fechan máis de 2 cada día no noso país. Son, para ser exactos, cinco comercios de barrio menos cada dous días.

As cifras absolutas rexistradas na Galiza son as segundas peores de todo o Estado neste período. Só en Catalunya botaron o feche máis comercios nestes catro anos (7.320). En termos relativos, perdemos 6,7% deses comercios, porcentaxe só superada por Castela-León, Aragón, Euskadi, Asturies.

Os motivos? Desde Uatae apontan factores como a queda de vendas no pequeno comercio fronte ás grandes superficies e corporacións, así como polo aumento constante da venda on-line. “A vida dos barrios e das cidades deteriórase cos locais comerciais fechados”, lamentan.