Cada galego tería que destinar 68 días de traballo ao ano para pagar a débeda autonómica

Cada galego tería que destinar 68 días de traballo ao ano para pagar a débeda autonómica
salario soldo cartos diñeiro
salario soldo cartos diñeiro  

 

68 días de traballo. Isto é o que calcula a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIRF) que debería achegar cada galego para amortizar a débeda pública galega, que supera os 11.000 millóns de euros.

 

O Observatorio da débeda da AIRF indica que a ratio da débeda sobre o PIB para todas as administracións públicas sitúase en 98,7% (1.136.170 millóns de euros) ao finalizar o terceiro trimestre.

 

A débeda pública de Galiza é de 11.363 millóns de euros, unha cifra que é case 2.000 millóns de euros superior a todo o orzamento da Xunta de Galiza para 2018. Eses orzamentos atinxen os 10.723,9 millóns de euros, 2,4% menos que no ano 2017, como se indica na análise de Orzamentos elaborado polo gabinete técnico da CIG. Unha parte importante destes van destinados a operacións financeiras (a máis importante, o pagamento da débeda pública), cantidades que non teñen unha repercusión directa na economía, polo que. se restamos as devanditas cantidades, os gastos non financeiros son 9.487,1 millóns. E aquí si que hai un medre (2,9%) a respecto dos orzamentos 2017. Se á amortización de débeda se suman os gastos financeiros derivados desta, entrambos os capítulos alcanzan case o 12% do total do orzamento, porcentaxe importante mais inferior á de anos anteriores.

 

Dos 11.300 millóns de euros da débeda de Galiza, a maior parte é a débeda co Estado (case 4.200 millóns de euros). A débeda cos bancos é perto de 3.500 millóns, das cales 2.270 é con bancos españois e o resto con entidades estranxeiras. A débeda en bonos abeira os 3.000 millóns de euros.



x