Editorial Sermos322: O cadro de persoal de Alcoa ten razón

Editorial Sermos322: O cadro de persoal de Alcoa ten razón

É absolutamente certo que non estamos nunha economía nin estatalizada nin soviética, como de forma un tanto chusca afirmou a ministra de Traballo en relación á situación da planta de Alcoa na Coruña, mais non deixa de ser unha frase indicativa da impotencia da política sistémica fronte ao imperio dos poderes económicos, nomeadamente dos transnacionais. Que unha multinacional que recibiu cuantiosos fondos públicos poda decretar o fechamento dunha factoría sen que o estado teña nada que dicir ao respecto, máis alá de estudar a legalidade dun ERE masivo, ilústranos perfectamente sobre os límites do capitalismo neoliberal, o único realmente existente, á hora de garantir o desenvolvimento económico —unha instalación industria menos-—e a provisión de postos de traballo dignos (por volta de 400 empregos que se irían destruír).

E, porén, o cadro de persoal de Alcoa ten razón cando defende que os poderes públicos, se tiveren vontade política e afouteza abondas, si poden facer algo máis que actuar como espectadores da desaparición dunha industria relevante. Só falta ollar para o artigo 128.1 da Constitución española, aquel que reza que toda a riqueza “do país” está subordinada ao “interese xeral”, sexa cal for “a súa titularidade”.

O problema é que nos seus aspectos económicos a Constitución española virou en letra morta: a chamada Carta Magna só se aplica ferreñamente cando se trata de negar os dereitos políticos ás nacións sen estado.


 


 

 



x