REPRESIÓN SINDICAL

Cando a patronal apunta

Cando a patronal apunta

Na Galiza de 2019 existe represión ou persecución sindical. Unha práctica que se dá en empresas pequenas, medianas e grandes; que se produce no sector público ou privado; e que coarta e dificulta un dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza.


mini_7 (1)Dous traballadores foron despedidos da empresa madeireira onde traballaban (Vázquez Rey, en Arteixo) por facer parte dunha mesa electoral nas eleccións sindicais. Pasou aquí, en Galiza, en 2019. O caso chega agora aos xulgados. Para Mario Maceiras, representante da CIG, houbo unha manobra da empresa “para tratar por todos os medios de boicotear o proceso electoral e evitar deste xeito que os traballadores puideran elixir o candidato deste sindicato como o seu representante legal”.

Non é un caso isolado. Non hai dados oficiais, mais todos os sindicatos consultados coinciden en sinalar que a represión sindical continúa existindo en pleno século XXI. “Haina”, afirma categórico Renato Núñez, da Executiva Confederal da CIG. “Si, claro que persiste”, apunta Maica Iglesias, secretaria de Emprego de Comisións Obreiras. “Existe represión, e máis que a que había hai uns anos”, denuncia Ricardo Castro, secretario xeral da CUT.

Unha simple ollada ás hemerotecas permite ver como, en diferentes comarcas e sectores, abrollan denuncias, resolucións xudiciais ou mobilizacións pola represión sindical. Un mapa de Galiza salteado por casos que, baixo unha mirada de conxunto, amosan un panorama preocupante: a actuación sindical no noso país continúa a custar caro en non poucas empresas.

Exemplos

En 2018, o Tribunal Supremo declarou nulo o despedimento dun traballador da CUT en Citroën. O sindicato denunciara o caso como “represión sindical”. En setembro de 2017, Autos Ojea tivo que readmitir un empregado con 18 anos de antigüidade ao que despedira após unha campaña de acoso laboral por ir ás eleccións sindicais coa CIG, segundo denunciou a central nacionalista.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]