CÉSAR RODRÍGUEZ (CIG), SOBRE VULCANO

“De cara á sociedade parece que o naval volve ir vento en popa mais a realidade non é esa”

“De cara á sociedade parece que o naval volve ir vento en popa mais a realidade non é esa”

A inicios de século falar de Vulcano era fala do segundo maior estaleiro en todo o Estado español en canto a toneladas contratadas. Unha icone que a día de hoxe loita por sobrevivir após pasar por concurso de acredores, unha sucesión interminábeis de ERE e o ‘empantanamento’ na entrega do buque que ten nas gradas. Os traballadores están a pasar momentos moi duros, explica César Rodríguez, da CIG, que advirte do golpe que suporía o fechamento desta factoría: “A día de hoxe é o segundo estaleiro con máis capacidade de contratar persoal na Ría de Vigo”.

Que está a pasar en Vulcano?

Hai un barco que ten aínda dous meses de traballo para poder entregarse e levamos practicamente dous meses de parálise total e outros dous, desde setembro, que entramos en subactividade. Os pagamentos que se facían non daban para manter a obra, había unha débeda importante, adebédanse nóminas… A dirección do estaleiro  solicitou ao Banco Santander, que leva o financiamento, que lle adiantara o último pago. A partir de decembro reclámase por parte do comité de empresa á Xunta que reúna todas as partes e avaliar en que situación estabamos: se o armador aínda quería o barco, porque estabamos perto dunha data en que o armador podería facelo, renunciar ao buque polos atrasos. Volvemos pedir unha nova xuntanza, na que estivo a Xunta e aí xa dixemos que os traballadores non poden aguantar máis. Houbo nova reunión entre armadora e Santander e logrouse un acordo, que non se nos concreta. Nós dicimos que o acordo pasa por dúas cousas: pago inmediato das nóminas que se adebedan e pago á industria auxiliar porque se non se lle pagan esas débedas a auxiliar non vai entrar.

Que se vai reivindicar na manifestación desta cuarta feira?

Imos reivindicar que se dea unha solución a Vulcano. Entendemos que hai dúas cousas: Unha, que o barco ten que rematarse e entregarse, foi ao que se comprometeu o estaleiro. Con iso páganse as nóminas e págase á industria auxiliar. Ten que haber un compromiso firme de que ese estaleiro non desapareza da ría, sería o segundo pois esta suposta crise do sector xa se levou por diante o Cíes. Sería un golpe moi importante para o sector, tendo en conta que a día de hoxe é o segundo estaleiro con máis capacidade de contratar persoal na ría de Vigo.

"Pediamos que a Xunta entrase en Vulcano aínda que fose como pequena accionista. Eles respóndennos que non van nacionalizar os estaleiros"

Como se chegou aquí? Vulcano era até non hai tantos anos o segundo maior estaleiro privado de todo o Estado español en toneladas contratadas.

Houbo unha mala xestión e aí está o caso do ‘Juliana’ [estaleiro de Xixón que Vulcano mercou á Sepi en 2007 e que quebrou]. Non mediron ben os pasos, non controlaron a situación. Iso sumouse á crise do sector e á baixada das contratacións. Vulcano sae dun concurso de acredores cun convenio que cumprir e a situación financeira é a que é. Contratar así é moi difícil. Por iso nós reclamamos que a Xunta entrase en Vulcano aínda que fose como pequena accionista, máis que nada polo efecto confianza que podía dar de cara aos armadores, ao mercado. Non perdamos de vista que calqueira armador que hoxe meta diñeiro en Vulcano ten un risco, porque calquera denuncia dun acredor pode supoñerlle moitas dificultades.

Esa solicitude de entrega tivo algunha resposta por parte da Xunta?

Non está polo labor de facer ese control do estaleiro. Din que non van nacionalizar os estaleiros. Nós pensamos que iso sería boa cousa (ri) pero, bon, non lle estamos pedindo iso. É simplemente unha cuestión da confianza que pode transmitir que a Xunta estea no consello de administración da factoría.

É Vulcano síntoma, polo menos en parte, dun naval que, como advertiades a finais de ano, parece que non se dá recuperado da crise?

Aparentemente, de cara á sociedade, parece que o sector superou a crise e vai vento en popa e esa non é a realidade. Este momento gran parte das factorías van medio tirando. Temos que decatarnos que en Metalship, por exemplo, están vivindo das reparacións, non teñen obra nova definida. En Cardama non hai unha gran carga de traballo. Se sacamos Freire ou Armón o resto están subsistindo, por iso cremos que non pode falarse de recuperación. Aquí o que se deu foi un aumento da contratación pero que tipo de traballo e que tipo de barcos? Estamos a falar de pequenos barcos de pesca, que representan número mais non teñen peso en horas de traballo.

Pero o contrato aumenta…

Nos dous, tres últimos anos a liña de contratación mantense plana, case non se move. Neste momento pode haber 3.000 traballadores e metendo o que son talleres. Hai meses con 500 traballadores máis e hai meses con 500 menos mais non despega. No seu momento aquí chegou a haber 10.000 traballadores.

A administración pública ten que liderar esta aposta, poñer sobre a mesa un plan real para o naval

Nunha situación do naval como a que describes, cal sería logo a solución?

Hai que ter unha política industrial clara, unha aposta real por este sector, asumindo o naval como estratéxico, pasar das palabras aos feitos. A administración pública ten que liderar esta aposta, poñer sobre a mesa un plan real para o naval, algo que non hai neste momento. Debe haber dúas liñas a actuar: os profesionais do naval tiveron que emigrar, porque noutros lados ese sector si que mantiña o emprego. Aquí non houbo unha política para aguantar eses empregos.

Nós levamos anos reclamando que se reúna a mesa de contratación do sector naval, un organismo primordial, se estamos ante unha recuperación como din desde a patronal e administración, non ten sentido que non se reúna esa mesa, na que están todos os sectores e onde se pode poñer as bases de cal son as necesidades e políticas a facer para esa actividade.



x