Carbón para as contas de Endesa

Carbón para as contas de Endesa
Central térmica de Endesa nas Pontes.
Central térmica de Endesa nas Pontes.  Endesa
O deterioro de activos resta mil millóns ao beneficio

O cese da produción de enerxía térmica a partir de carbón supúxolle a Endesa un impacto nas contas dos nove primeiros meses do ano de 1.052 millóns de euros. Así o comunicou a compañía terza feira nos datos que remitiu á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). 

Segundo as contas de Endesa, entre xaneiro e setembro deste ano a eléctrica rexistrou un beneficio neto de 176 millóns de euros, o que supón un descenso de 85% en relación ás ganancias rexistradas no mesmo período de 2018, que ascenderon a 1.193 millóns de euros. 

A compañía atribúe esta baixada ao deterioro contábel do valor das súas centrais de carbón, as das Pontes e Litoral (Almería), que cifra en 1.398 millóns de euros, unha cantidade lixeiramente superior aos 1.300 millóns que anunciara o pasado mes de setembro cando dera a coñecer a decisión de promover o feche destas instalacións. 

Desde comezos de ano, as adversas condicións do mercado, fundamentalmente o incremento do prezo dos dereitos de emisión e o abaratamento da produción de gas polos custos da materia prima, motivaron que o grupo enerxético fora desprazando estas centrais do mix enerxético, co seu conseguinte impacto na produción. De feito, esta mudanza nas fontes de xeración provocou unha caída de 18,2% no volume total de produción eléctrica da compañía, ao que tamén se suma o descenso da produción hidráulica (43,2%). No caso do carbón esa redución foi de 65,5%, segundo os datos facilitados á CNMV.

O conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, indicou durante a presentación de resultados que os investimentos en enerxías renovábeis e en dixitalización serán o “elemento clave” para que a compañía siga a ofrecer bos resultados “nun mercado cada vez máis complexo”.

Aposta polas renovábeis

De feito, as tecnoloxías libres de emisións de CO2 (hidroeléctrica, eólica, solar e nuclear) xa representaron 58,2% do 'mix' de xeración até finais de setembro, un dato que contrasta con 50,5% acadado no mesmo período do ano anterior.

Bogas engadiu que 50% de todos os investimentos e 80% do investimento en desenvolvemento nos nove primeiros meses do ano foi a proxectos renovábeis e subliñou a intención do grupo de seguir na senda de "liderar a transición enerxética" cunha carteira de novos proxectos renovábeis que ascende a uns 12.000 MW dos que 4.600 MW xa teñen adxudicados puntos de conexión.

A pesar destas condicións adversas, cunha significativa caída na demanda de enerxía eléctrica durante o período (-3% en termos axustados) como consecuencia do impacto da ralentización da economía sobre o consumo enerxético das grandes empresas, pero tamén das altas temperaturas rexistradas nos últimos meses, Endesa destacou que os resultados até setembro permiten anticipar a consecución dos seus obxectivos para o exercicio 2019.

Aumentan as clientas

O número de clientes eléctricos no mercado liberalizado pasou de 5.825.091 a 30 de septiembre, cun aumento de 1,7% con respecto ao número de clientes existentes a 31 de decembro de 2018. No que atinxe á cota de mercado, Endesa rexistrou 15,6% en vendas de gas a clientes do mercado liberalizado nos nove primeros meses do año. No conxunto do exercicio, Endesa acadou unas cotas de mercado de 18,8% en xeración peninsular, de 44,4% en distribución e 32,8% en ventas de electricidade a clientes do mercado liberalizado, o que lle confirma en conxunto como a empresa líder do sector eléctrico en España.