Carrefour, Lidl e a portuguesa Sonae exploran lanzar ofertas por DIA, con 200 tendas en Galiza

Carrefour, Lidl e a portuguesa Sonae exploran lanzar ofertas por DIA, con 200 tendas en Galiza

Tamén grupos financeiros amosaron o seu interese pola compañía, que ten mil postos de traballo en Galiza.


Carrefour, Lidl e a portuguesa Sonae explorar irromper na poxa por DIA, unha cadea que ten en Galiza 222 tendas e algo máis de mil empregados e empregadas. DIA anunciou hai uns días un ERE que afectaría 2.100 persoas en todo o Estado, o que xerou intranquilidade e preocupación entre o persoal.

Segundo o diario Expansión, Carrefour, Lidl e Sonae avalían lanzar unha oferta por 100% ou por parte da compañía. Un exemplo de que este español continúa a xerar interese malia estar a atravesar importantes dificultades económicas.

Juan Zas, responsábel de Comercio de CCOO Galiza. explicaba a principios desta semana que aínda non sabe como esa medida, os 2.100 despedimentos, vai afectar ao persoal na Galiza. “Tras ese anuncio hai un prazo de 15 días para constituír a mesa negociadora e aí si que xa saberemos detalladamente cal é a proposta da empresa e como nos afecta”.

Zas afirma que DIA ten un cadro de persoal “moi axustado”, polo que calquera medida de despedimento vai ter unha repercusión no resto, sinala, e mesmo pode apuntar a que se fechen estabelecementos da compañía.