CCOO e UXT piden unha declaración institucional do Parlamento galego en defensa das pensións

CCOO e UXT piden unha declaración institucional do Parlamento galego en defensa das pensións

As organizacións sindicais trasladaron esta proposta aos grupos parlamentares.


Unha delegación de CCOO e UXT mantivo esta cuarta feira, 20 de outubro, reunións con todos os grupos parlamentarios galegos para presentarlles as súas propostas en materia de defensa do sistema público de pensións. As xuntanzas solicitáronse porque o 1 de outubro foi o Día Internacional das Persoas Maiores e ambos sindicatos deran a coñecer, daquela, un manifesto conxunto.

CCOO e UXT pediron ás diferentes formacións políticas que aprobasen no Parlamento galego unha declaración institucional na que figure a derrogación da reforma das pensións do 2013 e o compromiso de revalorizar as prestacións en función do IPC. Segundo ambos sindicatos, os grupos parlamentarios acolleron de xeito positivo as súas demandas.

Ambas centrais asinaron nos últimos anos pactos co Goberno español moi criticados. Por exemplo, a terceira reforma das pensións aprobada en 2011 que ampliou a idade de xubilación até os 67 anos ou a aprobación do IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva en xuño de 2018 no que figuraba o apoio e promoción dos plans privados de pensións.