ALEGOU DIFICULTADES POLA "DÉBEDA" QUE O ESTADO MANTÉN CON GALIZA

A CIG acusa o conselleiro de Facenda de facer "chantaxe política" cos empregados públicos

A CIG acusa o conselleiro de Facenda de facer "chantaxe política" cos empregados públicos
Valeriano Martínez, no Parlamento [Imaxe: Consellaría de Facenda]
Valeriano Martínez, no Parlamento [Imaxe: Consellaría de Facenda]  
A central nacionalista esíxelle a Valeriano Martínez que confirme se vai poder aboar os salarios e os incrementos retributivos pactados.

O sector de Administración autonómica da CIG insta o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a non "empregar os servizos públicos nin o seu persoal para chantaxes políticas", ao tempo que esixe que se garanta "o pagamento de todos os soldos e incrementos salariais". A central nacionalista responde así ás manifestacións efectuadas polo alto cargo da Xunta estes días nas que alertaba de posíbeis dificultades para afrontar os pagamentos por mor da "débeda do Estado con Galiza". 

A CIG remitiu un escrito demandando información á Consellería e á Dirección Xeral da Función Pública para saber "que hai de certo nesas declaracións", xa que, sostén, "a día de hoxe non temos ningunha comunicación malia termos tido xuntanzas da Mesa xeral de empregadas públicas e da Comisión de Persoal os primeiros días deste mes". 

Denuncia o sindicato a “chantaxe velada” que supoñen, por parte do conselleiro de Facenda, estas afirmacións, interpretándoas como un "ataque directo aos salarios do persoal empregado público para presionar politicamente na formación de goberno no Estado español". 

No escrito remitido, a CIG lembra que o pagamento dos salarios e dos incrementos "son unha das obrigas prioritarias" na xestión dos recursos da Administración. “Esixímoslle -apunta o sindicato- a aclaración urxente das manifestacións do conselleiro de Facenda, e que garanta que se van aboar, sen ningún tipo de dúbida, a totalidade dos salarios e os incrementos retributivos para este ano”.

Finalmente, a central nacionalista amosa a súa preocupación polo feito de que "o acordo de suba salarial e de carreira profesional que pactaron CCOO e UGT coa Xunta quede pendente do cumprimento do obxectivo de déficit da comunidade", obxectivo, explican, "que non se cumpriría se existe retraso no pagamento a proveedores, tal e como afirma o conselleiro de Facenda”. A CIG lembra que foi esa unha das razóns polas que non asinou o chamado "acordo de concertación", xa que, di, "o salario dos empregados e empregadas públicas non pode entrar no xogo político ou depender dunha mala xestión do pagamento a proveedores, como é o caso”.