CIG denuncia o que cualifica como “o maior recorte social na historia da pesca galega”

CIG denuncia o que cualifica como “o maior recorte social na historia da pesca galega”

Afirma que o cambio nos coeficientes redutores da idade de xubilación afectará a miles de tripulantes das flotas do palangre e do arrastre


A dirección xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento, modificou os coeficientes redutores da idade de xubilación,predudicando así os numerosos mariñeiros galegos da flotas conxeladoras do palangre e do arrastre. Así o denuncia a CIG, que considera que estamos perante o que se pode cualificar como “o maior recorte social na historia da pesca galega”. Instan a Xunta a que convoque ás patronais do sector.

Xabier Aboi, responsábel de CIG-Mar, explica que a central comezou a detectar a comezos do ano pasado, cando a raíz de varias consultas de afiliados “atopamos anomalías como que lles faltaban anos de cotización para poder xubilarse”. Foi entón, afirma, cando descubriron que a dirección xeral da Mariña Mercante modificara mediante unha orde interna os coeficientes redutores da idade de xubilación, Uns coeficientes que son un dereito social que teñen os mariñeiros e outras persoas con profesións especialmente duras ou de risco, como poden ser tamén os mineiros e que lles permite adiantar a idade de xubilación”.

A medida repercutirá sobre uns 500 barcos de zonas como A Guarda, Vigo, Marín, Ribeira e A Mariña, denuncia a CIG.

“Este cambio está a afectar a milleiros de tripulantes das flotas palangreira conxeladora e do arrastre, a maior parte deles galegos”, advirten desde a central nacionalista. De feito, no caso da flota palangreira, dos 131 barcos censados, un total de 119 teñen base en Galiza. Na flota arrastreira conxeladora, que faenaba no banco canario-sahariano, norte de África ou Angola, as embarcacións afectadas rondan as 350. Deste xeito, a medida repercutirá sobre uns 500 barcos de zonas como A Guarda, Vigo, Marín, Ribeira e A Mariña.

Segundo sinala Aboi, o que fixo o departamento dependente de Fomento foi introducir un novo criterio que establece que só poden considerar grandes conxeladores -e polo tanto con dereito ao maior coeficiente (0,40)- os barcos de máis de 1000 toneladas e de máis de 70 metros de eslora. “Isto supón que no noso país só terían dereito a este coeficiente os tripulantes dunhas 10 embarcacións”, censura. Diante disto, a CIG xa lle remitiu un escrito á conselleira de Pesca para solicitarlle que convoque ás patronais do sector para abordar esta problemática, ao tempo que dende a central non descartan acudir aos tribunais.