A PAGA EXTRA DEBÍA TERSE ABONADO HAI UNHA SEMANA

A CIG denuncia incumprimentos no convenio das ambulancias

A CIG denuncia incumprimentos no convenio das ambulancias
Unha das mobilizacións dos últimos meses
Unha das mobilizacións dos últimos meses  

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de denunciar a través dun comunicado que as empresas de ambulancias do servizo de transporte urxente para o 061 Ambulancias Carballosa SL, Ambulancias Rubiero-Xirón e Servicios Sanitarios de Monforte SL, así como Sanitaria Lucense de Transportes, no referido ao servizo do transporte sanitario programado, están a incumprir unha das cláusulas do convenio colectivo asinado recentemente, en concreto o pasado mes de abril, no que respecta ao pagamento da nómina extraordinaria de verán. O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, lembra que o documento aprobado estabelece que a paga extra debía estar abonada antes do 20 de xullo.

Así, a central nacionalista lembra que o impago afecta ás bases do servizo de transporte urxente de Meira, Pontenova, Fonsagrada, O Corgo, Vilalba, Lugo, Quiroga, Monforte e Chantada, así como ao servizo de transporte programado da área de Lugo e de Monforte, afectando "a máis dun cento de traballadores e traballadoras do sector na provincia de Lugo e sen que diante desta situación as empresas teñan trasladado xustificación ningunha".

A CIG manifestou a comezos deste mes de xullo a súa preocupación polo retraso no pagamento da nómina de xuño nalgunhas destas empresas, polo que considera "inadmisíbel" unha nova demora, "máxime", sinala o secretario comarcal da Federación, "cando este 23 de xullo na sede da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 se producía a aprobación das ofertas para a adxudicación dos lotes do transporte urxente, resultando adxudicatarias, entre outras, as empresas que veñen de incumprir as datas de pagamento da extra de verán". 

O sindicato xa trasladou á Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galiza o su malestar por este incumprimento, xa que, subliña, "non é de recibo que as empresas que pretenden asumir os lotes do transporte sanitario urxente na nosa provincia nos vindeiros anos e acceder aos cartos públicos deste servizo da Xunta de Galiza estean a reproducir de xeito continuado incumprimentos de convenio e de pagamento de salarios".