CIG e ELA levarán aos tribunais o Goberno e o Banco de España pola súa responsabilidade na xestión da crise

CIG e ELA levarán aos tribunais o Goberno e o Banco de España pola súa responsabilidade na xestión da crise
Tkiki e Seixo, secretarios xerais de ELA e CIG
Tkiki e Seixo, secretarios xerais de ELA e CIG  
"Non fixeron outra cousa que mentir sitematicamente para protexer os intereses do mercado financeiro”.

Os sindicatos CIG e ELA estudarán se proceder presentar unha denuncia penal ou ben unha querela criminal no Tribunal Supremo (TS) contra os partidos que tiveron responsabilidades de goberno e contra o gobernador do Banco de España "polo seu comportamento na xestión da crise durante todos estes anos". Nunha comparecencia perante os medios en Donosti, os secretarios xerais de ELA, Adolfo Muñoz 'Txiki', e da CIG, Suso Seixo, expresaron a súa convicción de que "se ten organizado un complot, unha conspiración para facer un saqueo ás contas públicas e para facer todo o posíbel para que os cartos do gasto social vaian pagar os buratos que provocaron persoas concretas".

Por esa razón, ELA e CIG acordaron que os seus respectivos servizos xurídicos estuden se proceder unha denuncia penal ou unha querela criminal contra os responsábeis políticos e contra o Gobernador do Banco de España "polo seu comportamento na xestión da crise".

Seixo e Muñoz censuraron tanto as reformas do expresidente do executivo español, Rodríguez Zapatero, como a reforma laboral do actual presidente, Mariano Rajoy, porque "teñen como obxecto unha caída en picado dos salarios, a flexibilidade brutal do mercado de traballo e debilitar a defensa colectiva do movimento sindical".

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo denunciou, neste sentido, o papel que os responsábeis políticos xogaron no “saqueo a que se someteron ás contas públicas para facer chegar diñeiro á banca e ao capital”. Para Seixo, “estamos nunha situación de urxencia social en que non cabe outra opción que a mobilización e niso estamos comprometidos os sindicatos ELA e CIG”

Na comparenecia en Euskal Herria, Suso Seixo fixo fincapé na situación da Galiza, cun índice de desemprego superior ao 20 por cento, e cun Goberno autonómico que realiza "puro seguimento das políticas que marcan no estado".

Finalmente, o secretario xeral de ELA sinalou que "nunha democracia os responsábeis teñen que aparecer e teñen que pagar". "Porque non fixeron outra cousa que mentir sitemáticamente para protexer os intereses do mercado financeiro”.