A CIG exixe compromiso co emprego nas Pontes a Endesa

A CIG exixe compromiso co emprego nas Pontes a Endesa
[Imaxe: SG] Central das Pontes
[Imaxe: SG] Central das Pontes  

O sindicato nacionalista trasladou a reclamación na reunión que a representación social mantivo co Ministerio de Transición Ecolóxica e a dirección da empresa xunto a outros organismos e colectivos.


"Non podemos avanzar nunha transición e comezar un proceso de cambio de modelo produtivo co lastre de compañeiros e compañeiras despedidas". Deste xeito expresábase Alberto Amado, da CIG, á saída da reunión mantida esta cuarta feira, 2 de outubro, entre representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica e Endesa e na que tamén participaron o director xeral de Industria, a Xunta, o Concello das Pontes e colectivos de transportistas afectados.

Na reunión, segundo sinala Amado, trasladouse unha imaxe difusa do compromiso co emprego nas súas auxiliares, limitándose a ofertar garantías só ao cadro de persoal propio. Sorprendeu ao representante da CIG que Endesa recoñecese diante do Ministerio o “erro” de investir máis de 200 millóns de euros na central das Pontes no proceso de adaptación das instalacións.

Alberto Amado criticou que neste encontro a filial de Enel non concretase a data de solicitude do feche, "polo que descoñecemos que prazos están a manexar".

En relación ás alternativas na propia reunión, representantes de Endesa afirmaron que continuarán facendo probas con outros combustíbeis, como a proposta presentada por parte dun grupo de traballadores e traballadoras, malia teren poucas expectativas de éxito.