CIG alerta da “grave crise” do sector electrointensivo e pide "solucións inmediatas" a Xunta e Estado

CIG alerta da “grave crise” do sector electrointensivo e pide "solucións inmediatas" a Xunta e Estado
Imaxe: CIG
Imaxe: CIG  

Fai un chamamento a CCOO e UXT a consensuar un calendario de mobilizacións a desenvolver “de inmediato” e que incluiría xornadas de folga nestas industrias. "Non podemos quedar de brazos cruzados", pide Paulo Carril, secretario xeral do sindicato nacionalista. 


Alcoa ou Ferroatlántica son dous exemplos en Galiza das dificultades que atravesan as industrias que son importante consumidoras de electricidade, un sector que ten un peso importante no tecido industrial galego. A CIG, que recentemente elaborou un documento con propostas para empresas grandes consumidoras de enerxía, compareceu esta sexta feira na Coruña para instar a gobernos galego e español a que movan ficha e a que se involucren para “reverter a grave crise” no sector electrointensivo.

"Non podemos quedar de brazos cruzados, porque despois de Alcoa poden ser os postos de traballo doutras empresas electrointensivas as que corran a mesma sorte", manifestou Paulo Carril, secretario xeral da central nacionalista, que compareceu acompañado de delegados da CIG en varias empresas do sector.

Consciente da “gravidade” da situación que atravesan estas industrias, Carril fixo un chamado a CCOO e UXT para procurar puntos de encontro en canto a reivindicacións e tamén para acordar un “calendario de mobilizacións” a desenvolver de maneira inmediata e que mesmo incluiría “a convocatoria de xornadas de folga na industria electrointensiva”. Defendeu o sindicato a creación dunha mesa de traballo onde estean presentes todos os sectores afectados para desenvolver o “estatuto da industria electrointensiva”.

A CIG xa anunciou que impulsará diversas concentracións e mobilización nestes días respecto a esta problemática e anunciou que presentará mocións para defender a proposta dunha tarifa industrial naqueles concellos con presenza destas empresas.

Durante a comparecencia á prensa, Carril incidiu no valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, tanto polo que representa no PIB como por ser factor relevante na produción industrial. Porén, criticou, Galiza non ten capacidade para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia, senón que "desempeñamos exclusivamente un papel subministrador para o resto do Estado”.

.