CIG non ve lóxica nun “diálogo social” cunha Xunta “responsábel” de recortes e empobrecementos

CIG non ve lóxica nun “diálogo social” cunha Xunta “responsábel” de recortes e empobrecementos
paulo carril cig
paulo carril cig  

A consellería citou os tres sindicatos (CIG, CCOO e UXT) e a Confederación de Empresarios. Paulo Carril, secretario xeral do sindicato, lamenta que o final da lexislatura de Pedro Sánchez chegue sen que se derrogasen reformas laborais ou políticas de recortes de dereitos da época do PP.


A CIG non estará presente esta segunda feira, día 18, na xuntanza convocada en Compostela pola Consellería de Economía e á que a central nacionalista está convidada canda UXT, CCOO e a patronal. Unha cita que ten como obxectivo abrir un “novo diálogo”, segundo afirma a propia convocatoria, cos interlocutores sociais para “crear” emprego e “mellorar” o mercado laboral.

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, xa avanzou esta sexta feira que a CIG non ía acudir a este encontro. “Non se dan as condicións precisas”, manifestou Carril, que lamenta que nestes anos o goberno galego non favorecese precisamente que se puidese dar “un contexto de interlocución con credibilidade e confianza”.

A CIG considera que Galiza está nunha situación de “emerxencia nacional e social” da que as políticas, por activa ou por pasiva, dos gobernos de Núñez Feixoo son responsábeis. Perda de postos de traballo, desmantelamento industrial, aumento da desigualdade e da emigración, empobrecemento… Son algunhas das consecuencias que Carril sitúa no debe do goberno galego, de aí que considere que non ten moito sentido o “diálogo social” co corresponsábel da situación.

“Non acreditamos no diálogo social como solución a esta situación”, afirmou, engadindo que o que procura a Xunta é “transmitir ao conxunto da sociedade falsas expectativas”.

Adianto electoral

Preguntado polos xornalistas polo adianto das eleccións españolas, o máximo responsábel do sindicalismo nacionalista dixo “lamentar” que esta lexislatura finalizase sen que se derrogasen as reformas laborais ou políticas de recortes sociais e de dereitos aprobadas na época do PP.  

“Lamentamos que o goberno [de Sánchez] fose tan insensíbel e despectivo con Galiza, como nos peores tempos do PP”, acrecentou Carril, que citou os orzamentos ou o desleixo perante a “crise industrial” como exemplos desa actitude.

Por último, o sindicalista recoñeceu que non agardamos nada” de posíbeis solucións que “veñan desas eleccións” e chamou á mobilización como a ferramenta para lograr esas solucións.