CIG pide á Xunta que impida a venda de Ferroatlántica

CIG pide á Xunta que impida a venda de Ferroatlántica

Considera que é unha “operación encuberta” para ficar coas hidroeléctricas e sen garantías de viabilidade para as fábricas.


A CIG considera que o proxecto de venda de Ferroatlántica é unha “operación encuberta de segregación e venda das centrais hidroeléctricas”, cuxos beneficios quedarían dentro de FerroGlobe mentres que as fábricas pasarían a ser unha especie de subcontrata, “sen garantías de viabilidade e mantemento dos empregos”. Algo que tamén manifestaron desde o comité de empresa

Unha operación que é, afirma, “un intento de esquivar as cláusulas concesionais que vinculan ambas actividades”, e que ten como comprador un fondo norteamericano (con intereses no negocio da enerxía mais sen relación co sector das ferroalixes). Unha actuación que require da autorización da Xunta e que a CIG cualifica de fraudulenta.

Para a representación da CIG o feito de que Ferroatlántica queira chegar a un acordo co comité que avale a venda do complexo enerxético-industrial demostra que estamos ante unha operación ilegal, "porque se esta fora un negocio con todas as garantías legais non nos pedirían permiso aos traballadores e ás traballadoras".

O goberno galego descoñece "o alcance exacto" da operación de Ferroatlántica mais considera que esta non é igual á tentativa de Villar Mir de vender as centrais en 2017 e que foi paralizada pola Xunta.  En declaracións aos medios, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asegurou que a "prioridade" é garantir o cumprimento dos condicionantes das concesións e a defensa da actividade industrial e o emprego.