Unha ILP a prol do dereito á enerxía

Unha ILP a prol do dereito á enerxía
[Imaxe CIG]
[Imaxe CIG]  

A CIG promove unha Iniciativa Lexislativa Popular para garantir a enerxía como servizo público e combater a pobreza enerxética.


Após o rexeitamento da iniciativa para o crecemento económico e a creación de emprego proposta pola CIG, tombada polo Partido Popular no Parlamento, a central sindical nacionalista promoverá unha outra ILP cunha das propostas que compuñan aqueloutra iniciativa.

ILP de Medidas para Garantir a Enerxía como Servizo Público e Contra a Pobreza Enerxética, é o nome da campaña de recollida de sinaturas --no mínimo 10.000-- coa que a CIG visa pular polo dereito á enerxía e por políticas que combatan a pobreza enerxética no noso país. A campaña prolongarase até o mes de outubro. 

Suso Seixo, secretario xeral da central sindical, e Fernando Blanco (CIG-Industria) presentaron publicamente a iniciativa coa que, aliás, visan abrir un intenso debate social arredor desta cuestión, sinalan, "extratéxica para Galiza". 

“Parecía absurdo que, sendo como é Galiza unha das principais zonas produtoras e exportadoras de electricidade do Estado, aquí puidera haber dificultades para continuar coa actividade produtiva de empresas polo feito de seren grandes consumidoras”, afirmou Seixo ao explicar as razóns que motivaron a promoción desta ILP.

Seixo subliñou a relevancia económica que ten o sector enerxético polo seu carácter estratéxico para Galiza, o seu importante peso no PIB e o seu papel determinante “á hora de facer as nosas empresas máis competitivas, favorecer a instalación de novas empresas no noso país e polo tanto favorecer a creación de emprego”.

“Se fosemos un país soberano recorreríamos a calquera medida que favorecera o desenvolvemento económico e social do noso país"

Así mesmo, advertíu que hai máis de 100.000 fogares que padecen pobreza enerxética, que teñen dificultades para pagar o recibo a final de mes e que non poden garantir unhas condicións mínimas de habitabilidade, sobre todo en épocas de inverno. “Estamos falando de moitos cidadáns e cidadás que teñen que pasar por situacións moi precarias cando aquí estamos exportando enerxía”.

“É absurdo que esteamos pasando por este tipo de penalidades”, asegurou, “se fosemos un país soberano para tomar decisións en materias como esta, recorreríamos a calquera medida que favorecera o desenvolvemento económico e social do noso país, pero como dependemos dun sistema que se regula no ámbito do Estado, estamos sufrindo esta situación”. 

Pola súa banda, Fernando Blanco debruzouse sobre a loita por unha tarifa eléctrica galega e pola compensación daqueles territorios que, como Galiza, son produtores enerxéticos. Con estas medidas compensaríase os prexuízos sociais e ecolóxicos desta actividade podutiva. “Nin as centrais térmicas de carbón, nin as de gas, nin o asolagamento de vales para as hidráulicas, nin a ocupación de montes para as eólicas son actividades inocuas. Afectan ao territorio e afectan as poboacións deses territorios”, sinalou. 

Asemade, acrecentou, “termos unha tarifa eléctrica máis baixa sería un elemento para o desenvolvemento económico e industrial fundamental e sería de xustiza para unha poboación como a galega que ten as pensión e os salarios máis baixos do estado”.