CIG rexistra a ILP para reverter os saltos e aproveitamentos hidráulicos á xestión pública

CIG rexistra a ILP para reverter os saltos e aproveitamentos hidráulicos á xestión pública

O secretario xeral, Paulo Carril, indica que con medidas como as propostas na iniciativa evitaríase “o descontrol” das eléctricas ao tempo que “os custos da enerxía revertan no desenvolvemento do noso país”.

 


A CIG rexistrou no Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”, unha proposta que que ten como obxectivo reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

Paulo Carril, secretario xeral do sindicato, manifestou que  “os poderes públicos e a Xunta teñen que xogar un papel fundamental” para “evitar que o oligopolio das eléctricas provoque, como está a ocorrer, peches de empresas; que non se poida utilizar a nosa enerxía para a industrialización e xeración de emprego”.

Carril –que rexistrou a ILP xunto con Susana Méndez, secretaria de Organización; Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industria e Fernando Branco, responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria- lembrou otras iniciativas presentadas pola central nesta mesma liña, como a ILP para unha tarifa eléctrica galega ou a máis recente proposta de creación dunha tarifa industrial estábel.

A ILP pretende que os saltos e as centrais hidroeléctricas -que son concesións públicas outorgadas a empresas por un máximo de 75 anos, “sen ningún tipo de compensación para Galiza, malia o dano ambiental e social que provocan” - revertan de novo ao poder público e a Xunta, para a explotación deses encoros ben a través dunha empresa pública ou directamente.

O secretario xeral da CIG tamén se pronunciou sobre o anuncio da ministra de Traballo de que o goberno non ía intervir en Alcoa. Carril defendeu que “o aluminio é un sector estratéxico para a economía galega”, ao igual que a enerxía. Lembrou que Alcoa estivo no seu día no sector público e afirmou que “na SEPI, sería o lugar axeitado onde esta empresa tería que reincorporarse, se Alcoa persiste na súa idea de pechar”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou ademais que Valerio se reunira en Galiza cunha parte dos sindicatos. “A CIG é a primeira central sindical en Galiza e a nós onte non se nos convidou a esa reunión”.



x