Comeza o xuízo a ex directivos de Caixanova por operacións inmobiliarias irregulares

Comeza o xuízo a ex directivos de Caixanova por operacións inmobiliarias irregulares
O expresidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, á súa chegada á Audiencia Nacional. [Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press]
O expresidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, á súa chegada á Audiencia Nacional. [Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press]  Eduardo Parra / Europa Press

A querela fora presentada pola Fiscalía Anticorrupción nunha operación na que a entidade resultou danada por un importe de 41 millóns de euros.


Directivos da extinta Caixanova voltan aos xulgados, desta vez á Audiencia Nacional para dar contas dunha denuncia da Fiscalía Anticorrupción. O expresidente da entidade, Julio Fernández Gayoso, comparecerá xunto a Gregorio Gorriarán Laza, José Luis Pego Alonso e Domingo González Mera, acusados dun delito societario na súa modalidade de administración desleal de xestión fraudulenta de patrimonio social.

A Audiencia Nacional xa condenara en 2015 a dous anos de cadea a Fernández Gayoso, Pego e Gorriarán polo cobro de indemnizacións millonarias que se concederan a si mesmos antes de abandonar a entidade. Os tres, co terceiro grao penitenciario, foron os primeiros banqueiros que entraron en cadea no Estado español

A Fiscalía Anticorrupción presentara unha querela logo de que en outubro de 2014 o Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) dera a coñecer unha serie de prácticas da entidade que podían ser irregulares.

Examinadas algunhas operación sospeitosas descubriuse que no ano 2007, Caixanova concedera un préstamo hipotecario á sociedade Rivas ACI SL polo importe de 67.100.000 euros para operacións inmobiliarias, malia que a mercantil aínda non adquirira as parcelas e sen facer ningún tipo de análise de solvencia da empresa. Logo Rivas ACI non satisfixo a débeda e os directivos de Caixanova decidiron facer reestruturacións das condicións do préstamo, segundo sinala o auto.