A Comisión Europea reforza ao FMI e pide a rebaixa salarial do 10%

A Comisión Europea reforza ao FMI e pide a rebaixa salarial do 10%
Olli Rehn
Olli Rehn  

A Comisión Europea mostra o mesmo espírito que o FMI e recomenda unha rebaixa salarial do 10% como estratexia para a baixada do desemprego no Estado español. Para acadalo, indica a conveniencia dun pacto entre o empresariado e os sindicatos.    


A indicación ao goberno español do FMI dun recorte salarial dun 10% atopa agora o reforzo da Comisión Europea que pide un acordo social para unha baixada de soldos como saída ao desemprego. A cambio  o empresariado comprometeríase á creación de emprego. 

É o vicepresidente económico da Comisión Europea, Olli Rehn, o que defende estas teses nun artigo no que recomenda un acordo entre goberno e organizacións sindicais e empresarias que asumisen unha rebaixa salarial como estratexia para combater o desemprego. Convida, polo tanto, a apertar aínda máis a reforma laboral e camiñar cara unha rebaixa aínda maior das condicións da clase traballadora, cunha redución salarial de até 10% en dous anos que, ao seu ver, se tería que corresponder cun aumento de contratacións por parte do empresariado. O vicepresidente económico Rehn dálle a razón ao documento do FMI e emprega os mesmos termos como medio para a redución do desemprego, que contemplaría, alén da rebaixa salarial, unha redución dos custos de Seguridade Social para o empresariado arredor do 1,7% para incentivar as contratacións. 

A rebaixa de salarios como medio para reducir o desemprego é a tese partillada polo comisario Rehn co organismo que encabeza Christine Lagarde, de quen toma os datos, para concluír en que o acordo social para a rebaixa tería un efecto dunha redución de entre seis e sete puntos da taxa do desemprego. 

No seu artigo “Pode lograr España o que fixeron Irlanda e Letonia? Rehn emprega os exemplos das reformas económicas e laborais desenvolvidas en Irlanda e Letonia e chega a afirmar que quen rexeite esta proposta “cargará sobre os seus ombreiros a enorme responsabilidade do custe social e humano”.