Concentracións en Vigo e A Coruña en demanda dun convenio xusto para o telemárketing

Concentracións en Vigo e A Coruña en demanda dun convenio xusto para o telemárketing
Concentración da CIG
Concentración da CIG  
O preacordo asinado supón unha perda salarial de case 600 euros en dous anos

A Federación de Banca da CIG realizou este venres unha xornada de protestas diante dalgúns dos maiores call centers de Vigo e A Coruña en demanda dun convenio xusto e para rexeitar o preacordo asinado pola patronal, CCOO e UGT, que supón unha perda salarial de 596 euros en dous anos, pendentes da suba do IPC durante o resto da duración do mesmo, e nun contexto de medre da facturación das empresas.

 As concentracións realizáronse diante da plataforma de Eurocen na Coruña e consecutivamente nos centros de Bosch e Unísono de Vigo, nas que demandou a negociación dun convenio galego e unha mellora substancial das condicións salariais e laborais.

Contrariamente á perda salarial que implica o preacordo, a CIG-Banca subliña que as empresas do sector incrementaron a súa facturación, nomeadamente na deslocalización, onde tamén medrou o emprego. Mentres engordan a súa conta de beneficios, critican, compañías como Sykes ou Stream aplican EREs e outras como Atento reducións de xornada, aproveitándose en toda a súa extensión das facilidades introducidas pola lesiva reforma laboral do PP.

Neste senso, dende a Federación da CIG sublíñase que este non é un sector en crise e, polo tanto, o recorte de 596 euros nuns salarios máximos de 12.000 euros anuais “non é de recibo, como tampouco é de recibo que nun marco de medre do desemprego as empresas de telemárketing e as empresas usuarias (principalmente de telecomunicacións e banca) continúen deslocalizando o emprego fóra do Estado”.