MAR ASEGURA QUE É POR UN CAMBIO NO REGUAMENTO DO FEMP

A Confraría de Barallobre, obrigada a despedir cinco dos seus sete traballadores pola falta de axudas europeas

A Confraría de Barallobre, obrigada a despedir cinco dos seus sete traballadores pola falta de axudas europeas
Mariscadoras a pé da ría de Ferrol
Mariscadoras a pé da ría de Ferrol  

A confraría de pescadores de Barallobre é un dos cinco pósitos que este ano non recibirán nin un só euro das axudas para proxectos de recuperación da biodiversidade que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) viña concedendo a estas entidades a través da Consellería do Mar. A inadmisión da solicitude na última convocatoria, que supuña perto de 60.000 euros, obrigou á confraría fenesa a presentar un ERE extintivo para cinco dos seus sete traballadores, en concreto para a asistencia técnica (biólogo) e para os vixilantes.


O patrón maior da confraría, Jorge López, asegurou lamentar "ter que tomar esta decisión para a supervivencia do noso pósito", xa duramente castigado, dixo, "polo mal estado no que se atopan os recursos marisqueiros da ría de Ferrol", cunha caída de até o 50% no volume de extracción e venda. "O peor é que prescindir destes traballadores vai empeorar aínda máis a nosa situación, pois teremos menos recursos para o control e a vixilancia das nosas autorizacións". 

A Xunta, a través da Consellería do Mar, é a encargada, como órgano xestor, de resolver a admisión ou non das propostas de proxectos, baseándose nos requisitos que marca o regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que sanciona coa exclusión destas subvencións a aquelas confrarías que no ano anterior á presentación da solicitude cometesen unha "infracción grave". Neste caso, segundo fontes do sector, trátase dun caso de comercialización de bivalvo con talle antirregulamentario, que na normativa europea está tipificado como unha práctica de "pesca ilegal non declarada e non regulamentada". Esta categorización resulta, a xuízo da Consellería, excesivamente restritiva, en canto que "se trata dun feito residual difícil de evitar nas lonxas nas que se traballa cun gran volume de marisco". 

A propia Rosa Quintana reuniuse recentemente co secretario xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, João Aguiar, para trasladarlle a súa preocupación pola situación na que quedan as confrarías ás que se lles denegou a axuda e pediulle que valore unha interpretación do regulamento. 



x