O consumo das familias galegas volve a niveis previos á crise

O consumo das familias galegas volve a niveis previos á crise
compras-em-supermercado-economia-pib-20151126-0047
compras-em-supermercado-economia-pib-20151126-0047  
O Foro Económico da Galiza constata un parón no crecemento da economía galega motivado pola caída das exportacións

As familias galegas volven gastar e fano ao mesmo ritmo que antes do comezo da crise. Así se desprende dos datos recollidos no Informe de Conxuntura Socioeconómica correspondente ao segundo trimestre do 2019 elaborado polo Foro Económico da Galiza.

O documento, presentado esta cuarta feira en Santiago, constata que a demanda interna, cun crecemento do 3,3% no último trimestre, e máis concretamente o aumento do gasto das familias, que sube un 3,5%, son as notas positivas que impulsan o crecemento agregado do PIB da economía galega, un cambio no patrón de crecemento motivado en parte á suba dos salarios e a revisión dos convenios colectivos.

Pola contra, dende a institución destacan o mal comportamento das exportacións, cunha caída da demanda externa do 1,3%, que contrasta coa achega positiva de sete décimas no conxunto do Estado. 

Neste senso, advirten de que Galiza é moi sensíbel aos cambios comerciais drásticos, coma poden ser o Brexit ou o papel dos bancos centrais, un factor que xunto co reducido número de empresas exportadoras e o seu pequeno tamaño xeran unha situación de vulnerabilidade que, segundo indican, debería verse reforzada a través de políticas públicas.

Parón no crecemento

Segundo os datos do informe, a actividade económica da Galiza certificou no segundo trimestre do ano o parón no crecemento motivado pola incerteza política, as tensións comerciais e a evolución da economía alemá. 

Así, Galiza rexistrou no segundo trimestre de 2019 a taxa de crecemento menos intensa desde o ano 2015 que a mantén por debaixo da media española. O PIB galego medrou en termos interanuais un 2%, dato que contrasta co 2,3% de crecemento en España. No que atinxe aos datos trimestrais, a alza foi do 0,3 na Galiza e do 0,5 no conxunto do Estado. 

Porén, estes datos xa foron revisados en dúas ocasións ao longo do mes de setembro polo INE, que rebaixou a taxa de crecemento da economía española ao 2% en sintonía coa galega, que será revisada tamén nas próximas semanas polo Instituto Galego de Estatística.

Con todo, dende o Foro Económico mostran a súa preocupación pola fortísima crise do sector manufactureiro e pola caída do peso do sector industrial, cuxa aportación ao PIB galego sitúase no 16%, moi lonxe do obxectivo do 20%, un feito que dende a institución atribúen ao fracaso das accións levadas a cabo polas administracións e á falta de interlocutores dun sector empresarial moi dividido.