Seis entidades optan á poxa de NGB, feita á medida do capital español

Seis entidades optan á poxa de NGB, feita á medida do capital español

Seis entidades presentaron finalmente as súas ofertas ao FROB que determinará nos vindeiros días cales continúan adiante na poxa. O prego de condicións aprobado polo Goberno estatal favorece as entidades españolas, algo que o BNG denunciará perante a Fiscalía por apreciar prevaricación. O Goberno do Estado -contra o criterio en principio mantido por Feijóo e polo primeiro executivo do banco resultante da fusión, José María Castellano- prefire que sexa o capital español o que se faga con NGB.


La Caixa, BBVA, Banco Santander, o grupo venezolano Banesco, Guggenheim e un outro fondo de investimento estranxeiro son as candidatas a se faceren con NGB. Estas foron as entidades que presentaron proposta ao concurso iniciado polo FROB para a venda de Novagalicia Banco. Após revisar as propostas achegadas, o organismo público determinará cales se axustan máis aos requirimentos fixados no prego e abrirá unha segunda rolda para a presentación das ofertas definitivas. 

Neste senso, algunhas das entidades que inicialmente se amosaron interesadas no banco galego declinaron presentar oferta após as mudanzas introducidas polo organismo dependente do Ministerio de Economía nas condicións e que axustaban a poxa ás necesidades da banca española. Tales trocos foron denunciados polo Bloque Nacionalista Galego que, advertiu, instará a Fiscalía a estudar o proceso de toma de decisións por se fose constitutivo dun posíbel delito de "prevaricación" e "malversación"

As entidades financeiras españolas obterán --de seren as gañadoras da poxa-- unhas exencións fiscais por volta de 4.600 millóns de euros, entrementres os fondos de investimento estranxeiros só poderán optar a vantaxes tributarias de pouco máis de 2.300 millóns de euros. 

Pola súa banda, o plantel de [email protected] de NGB volveu saír á rúa para se manifestar en defensa dos seus postos de traballo pois a poxa non garante o mantemento dos seus empregos.