Tixolo e bares: a creación de empresas en Galiza céntrase na construción, o comercio e a hostalaría

Tixolo e bares: a creación de empresas en Galiza céntrase na construción, o comercio e a hostalaría

En xaneiro constituíronse 378 sociedades, a metade delas nesas tres ramas da actividade.


Os nichos onde se crean empresas en Galiza mantéñense inalterábeis desde hai anos: comercio, construción e hostalaría son os sectores que tiran do carro na constitución de sociedades, por riba doutras actividades, como industria, transportes ou servizos empresariais.

Unha de cada dúas empresas que naceron en Galiza en xaneiro fíxoo nalgún deses sectores, segundo se desprende do Informe elaborado pola consultora D&B: do total de 378, constituíronse 81 no comercio, 71 na construción e actividades inmobiliarias, e 43 en hostalaría. A distancia figuran outros, como as ramas de Industria, sanitaria...

Por provincias, na Coruña son Construción e Comercio, por esta orde, as ramas onde máis sociedades se crean; ao igual que en Ourense. Nas provincias de Lugo e Pontevedra cambian as tornas e son Comercio primeiro e Construción despois as que lideran a constitución de sociedades.

Supervivencia

taxa de supervivencia das empresas galegas é das máis baixas da OCDE. Apenas a metade das sociedades creadas en Galiza pasa dos 4 anos de vida, 51,4%. O primeiro ano de existencia das sociedades só sobreviven 74% destas: neses doce meses fican polo camiño 1 de cada 4. No Estado español sobreviven a ese primeiro ano de vida 77% (3 puntos máis que en Galiza) e nos países da OCDE é habitual superar 80%. En estados como Suecia, Holanda ou Reino Unido está en 95%.