Os derradeiros ‘vaqueiros’ dos Ancares

Os derradeiros ‘vaqueiros’ dos Ancares
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  
Coa chegada da primavera, entre 250 e 300 vacas inician acompañadas de gandeiros un percorrido a pé de entre 20 e 30 quilómetros para chegar desde os Ancares galegos a novos pastos nos Ancares leoneses, onde permanecerán até a chegada das neves, en novembro. Unha transhumancia secular que se mantén viva. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_3_TranshumantesNos Ancares hai parroquias que nestes 15 anos perderon até o 65% da súa poboación. “Nos concellos nos que nos asentamos a media está no 30%. De seguir esta progresión, en 30 anos non habería habitantes”, calculan desde a cooperativa ancaresa A Carqueixa, que fai este 2019 25 anos de vida. Un prognóstico para o futuro contra o que se rebelan os 200 socios e socias desta cooperativa, centrada na carne e na castaña. Dela fan parte as 17 gandarías de vacún de carne de Cervantes e Navia de Suarna, que manteñen o desprazamento estacional de animais, a transhumancia, unha práctica que segue viva desde hai ben de anos.

José A. Díaz é un deses gandeiros e ao tempo é presidente da Carqueixa. “Cando chega a primavera tiramos coas vacas cara ao Campo da Auga, en Vilafranca, León, un terreo que lle temos alugado a comunidades de montes de alí”, explica a Sermos Galiza. Son por volta de 5000 hectáreas de pastos onde eses 250-300 exemplares procedentes da Galiza permanecerán até que aparezan as primeiras neves, cando volverán a casa. “Eu adoito levar unhas vinte”, indica Díaz, explicando que a viaxe se fai a pé.

“Hai vacas que xa saben o camiño e guían ás novatas”, indica. “Dependendo do sitio do que partes, son 6, 7, 10 ou 11 horas camiñando”, engade Román Sánchez, xerente da cooperativa. Un roteiro que percorre corredoiras e camiños, atravesa regatos e monte baixo, sobe até 1500 metros de altura para volver baixar ao val onde está o Campo da Auga, no seu día unha aldea ancaresa e hoxe case deshabitada.

Beneficios

Incendios, seca, terreos abandonados cuxo titular é difícil de atopar… A gandaría nos Ancares precisa superficie e non sempre a atopa na Galiza. “As nosas vacas nunca están estabuladas, só cando enferman ou cando precisan axuda para parir”, afirman desde a cooperativa, onde cada persoa socia ten unha media de 25 cabezas de gando vacún. Que non estean estabuladas implica, por unha banda, “que se alimentan de xeito totalmente natural, do que o monte dá, dos prados…”, afirma José A. Díaz. Mais iso conleva, tamén, necesidade de maior superficie. Un terreo que precisan e que tiveron que procurar nos Ancares leoneses.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]